Galicia rexistra 52 expedientes de adopción nacional correspondentes ao 2025
A estatística anual sobre protección de menores revela que A Coruña e Pontevedra son as provincias que máis trámites rexistraron
Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2026
A estatística anual de protección de menores de Galicia, publicada hoxe polo Goberno galego, detalla que o pasado ano se rexistraron en Galicia 52 expedientes correspondentes ao procedemento de adopción nacional, un 37% máis que no ano 2024.
Os datos estatísticos detallan que por provincias, A Coruña foi na que máis autos se rexistraron, foron 19, seguida da de Pontevedra, con 16, Ourense con 11 e Lugo con seis. En total, a Xunta tramitou o pasado ano 52 expedientes de carácter nacional, fronte aos 38 do ano 2024.
Outro dos aspectos que se desprende no informe é a estabilización das adopcións internacionais, unha tendencia que se mantén na última década polos cambios de políticas sociais dos países de orixe. Neste sentido, a cifra de expedientes rexistrada no 2025 coincide coa do 2024 e mantense en sete.
A Xunta de Galicia pon á disposición da cidadanía o Portal Galego de Adopcións, un espazo na rede no que calquera persoa interesada pode informarse sobre estes trámites, as diferentes modalidades de adopción, consultar os detalles do procedemento ou poñerse en contacto co persoal especializado.