Martina Aneiros pon en valor os traballos de conservación que a Xunta financia no xacemento arqueolóxico do Castro do Sarridal, en Cedeira
A delegada territorial de Ferrol, visitou a actuación, que conta cun financiamento de máis de 17.500 euros
Cedeira (A Coruña), 4 de agosto de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto ao alcalde de Cedeira, Pablo Diego Morela, visitou esta mañá os traballos da última campaña de escavación arqueolóxica financiada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no castro do Sarridal.
A actuación, que conta cun investimento autonómico de máis de 17.500 euros, céntranse na zona exterior da zona de alimentación do forno, para exhumar completamente as estruturas detectadas, e na zona próxima ao parámetro interior da muralla, onde se realizara unha sondaxe. O traballos incluirán tamén a roza e limpeza manual da vexetación da zona de actuación e a súa contorna, o estudo dos materiais recuperados e accións de difusión (visitas guiadas, divulgación en redes sociais, etc.) entre outros.
Os labores da campaña actual se prolongarán ata o 15 de agosto. Actualmente, estanse a realizar traballos de consolidación e a próxima semana retomaranse os traballos de escavación.
A delegada territorial destacou o traballo que se está a desenvolver no castro do Sarridal dende hai case unha década, “dende a Xunta mantemos un férreo compromiso coa conservación e posta en valor do patrimonio cultural galego, un importante recurso tanto turístico como de identidade cultural” recalcou Aneiros.
O castro do Sarridal é un xacemento fortificado da idade do Ferro, de tipo costeiro, inaccesible desde o mar e defendido desde terra por dúas murallas precedidas polos seus respectivos fosos. Desde 2017 este xacemento está sendo escavado a través de diferentes campañas arqueolóxicas financiadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta e o Concello de Cedeira. O máis destacado destas actuacións foi a localización dunha estrutura tipo sauna das denominadas “monumento con forno”, das que se conservan moi poucas en todo o noroeste peninsular.