O director de Turismo de Galicia participou na presentación da cita que terá lugar o 23 de agosto

A Xunta impulsa unha programación diversa e accesible co apoio ao festival de arte rupestre de Campo Lameiro Laeros

O evento chega á súa quinta edición actualizando o seu programa para facelo máis inclusivo, con experiencias adaptadas ao público non vidente

Campo Lameiro (Pontevedra), 5 de agosto de 2026.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta mañá na presentación da quinta edición do Festival de Arte Rupestre de Campo Lameiro Laeros, que se desenvolverá o próximo 23 de agosto no Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro (PAAR).

Xosé Merelles resaltou a aposta do Goberno galego por este festival singular, organizado polo concello de Campo Lameiro coa colaboración da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra e no que Turismo de Galicia leva investido desde 2022 máis de 74.000€.

O titular de Turismo de Galicia abundou no programa deste ano, que como novidade pon un interese especial no fomento dun turismo accesible. Isto tradúcese nun incremento da experiencia adaptada ao público non vidente, adaptando materiais, obradoiros e exhibicións.

O festival, que cada ano reúne aproximadamente a unhas 1.600 persoas, ten un marcado carácter familiar e ofrece unha ampla oferta de actividades dirixidas especialmente ao público máis pequeno. O evento “fomenta a xeración dun turismo diversificado que favorece a dinamización cultural e económica das áreas rurais”, segundo Merelles, quen destacou o aporte a nivel de recreación histórica do mesmo.

Ademais, relacionou esta proposta, que ten entrada de balde ata completar aforo, coa Estratexia de Turismo de Galicia 2030 ao sinalar que esta cita “impulsa a promoción dunha oferta turística diversa e baseada no patrimonio singular de Galicia, que permite aos visitantes desfrutar dunha experiencia única, como é o caso do patrimonio arqueolóxico e cultural da Idade de Bronce que recolle o PAAR”, nas verbas de Merelles.

Data de actualización: 05/08/2026