A Xunta apoia a primeira edición do concurso internacional de piano “Vigo Junior”

A delegada territorial, Ana Ortiz, asistiu este martes á apertura do evento que serve como preámbulo do Concurso “Cidade de Vigo”

Durante dous días o Conservatorio Superior de Música acolle un proxecto que nace coa ilusión de descubrir e a impulsar ás novas xeracións de pianistas

Vigo, 5 de agosto de 2026.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, asistiu este martes á apertura do I Concurso Internacional de Piano “Vigo Junior”, unha iniciativa que se conforma como un trampolín para os máis novos. Durante dous días o Conservatorio Superior de Música de Vigo acolle un proxecto que nace coa ilusión de descubrir, apoiar e impulsar ás novas xeracións de pianistas.

A representante autonómica destacou o evento como “un novo punto de referencia para o talento cultural dos máis novos” e sinalou que o Goberno galego “estará sempre dando o seu apoio a este tipo de iniciativas culturais na nosa cidade. O evento, que serve como preámbulo ao X Concurso Internacional de Piano “Cidade de Vigo”, é a principal novidade desta edición.

A programación oficial do concurso, que este ano bate récord de participación con preto de 400 participantes inscritos de 77 países dos cinco continentes, comezará o 7 de agosto con dous grandes recitais: o dos gañadores do concurso júnior e o gran concerto inaugural coa lendaria pianista Martha Argerich e Pablo Galdo.

Ademais a interpretación do Carnaval dos Animais, de Camille Saint-Saëns, contará coa narración do prestixioso actor británico Jeremy Irons, gañador dun Premio Óscar. O X Concurso Internacional de Piano “Cidade de Vigo” reunirá a algúns dos pianistas con maior proxección internacional coa celebración dunha gran final o 14 de agosto no Auditorio Mar de Vigo xunto á Orquestra Sinfónica de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/08/2026