Belén do Campo asiste á celebración en lembranza polo V centenario da morte de García Jofre de Loaísa e Juan Sebastián Elcano que participaron na histórica expedición que partiu da Coruña con destino ás Illas Molucas

A celebración relixiosa, organizada pola Asociación Histórico-Cultural Bahía Ártabra, rendeu homenaxe aos mariños da armada que zarparon do porto coruñés en 1525 con destino ás Illas das Especias

A Coruña, 1 de agosto de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asistiu esta tarde á misa celebrada celebrada na igrexa dos Franciscanos da Coruña en lembranza polo V Centenario da morte de García Jofre de Loaísa e Juan Sebastián Elcano na histórica expedición que partiu do porto da cidade o 24 de xullo de 1525 con destino ás Illas Molucas.

A cerimonia, organizada pola Asociación Histórico-Cultural Bahía Ártabra, serviu para honrar a memoria dos mariños que participaron nunha das grandes fazañas da navegación oceánica do século XVI. A expedición, integrada por sete embarcacións e arredor de 450 homes, foi dirixida por García Jofre de Loaísa e contou con Juan Sebastián Elcano como piloto maior, poucos anos despois de culminar a primeira circunnavegación do planeta. 

A delegada da Xunta destacou a importancia de preservar e divulgar episodios da historia marítima vinculados á Coruña, “unha cidade que desempeñou un papel protagonista nas grandes expedicións oceánicas da Idade Moderna e que conserva un importante legado histórico e patrimonial asociado a esa etapa”.

A representante do Goberno galego subliñou tamén o labor que desenvolven entidades como a Asociación Histórico-Cultural Bahía Ártabra na recuperación e difusión deste patrimonio histórico, contribuíndo a achegar á cidadanía acontecementos que forman parte da memoria colectiva da cidade e de Galicia.

A expedición de Loaísa, organizada por mandato do emperador Carlos V para consolidar a presenza española nas Illas das Especias, constituíu a segunda gran empresa oceánica tras a viaxe de Magallanes e Elcano. A pesar das enormes dificultades sufridas durante a travesía e das numerosas perdas humanas, a expedición marcou un fito na historia da navegación e contribuíu decisivamente ao coñecemento das rutas do Pacífico. Cinco séculos despois, a Coruña continúa a reivindicar o papel protagonista que desempeñou como porto de saída desta histórica armada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/08/2026