A Xunta despide ‘Atardecer no Gaiás 2026’ esta semana con electrónica para a eclipse, un festival de rap e pop con actitude punk

O mércores 12 Galician Army ofrecerá un set de electrónica con alma galega para poñer banda sonora á tarde máxica da eclipse solar

Os ritmos urbanos de Israel B, Santa Salut e Silee protagonizarán o ‘Atardecer Fest’ o xoves 13 de agosto a partir das 20,00 horas

O electropop de Turista Sueca porá o peche, o venres 14, da décimo sexta edición do ciclo, que integra a programación de verán do Goberno galego ‘Para gustos, cultura’

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2026

Os concertos gratuítos de Atardecer no Gaiás, impulsados pola Xunta de Galicia, rematan esta semana con tres citas de mércores a venres na Cidade da Cultura. O primeiro solpor musical coincidirá coa eclipse total de sol do 12 de agosto e estará protagonizada polo dúo de electrónica lugués Galician Army. Para gozar do fenómeno astronómico e do concerto, haberá reparto gratuíto de lentes protectoras a partir das 18,30 horas, na Praza central do Gaiás, ata esgotar existencias.

Galician Army son Alberto Prado e Sergio Vallejo, un dúo formado hai máis dunha década que saltou á fama polos seus remixes de Tanxugueiras, The Rapants ou Grande Amore, que se puideron escoitar en festivais como O Son do Camiño. Para o Atardecer no Gaiás teñen preparado un directo que inclúe temas propios do seu primeiro disco de estudo, Valuria, no que combinan os sintetizadores cunha estética retro e a enerxía da música club.

A actuación comezará ás 20,45 horas, unha vez remate a fase de maior ocultación do sol, que acadará na Cidade da Cultura o 99,97%, segundo a información oficial do Instituto Geográfico Nacional.

Tres voces da música urbana actual

Os ritmos urbanos volverán conquistar a Cidade da Cultura o xoves 13 de agosto na segunda edición do Atardecer Fest, cita na que escoitaremos as iconas do rap estatal Israel B e Santa Salut xunto co artista emerxente galego Silee. O deu Bueu será o primeiro en subir ao escenario da Praza central, ás 20,00 horas, para presentar a fusión de trap con ritmos latinos e tradicionais que o fixo viral con temas como Milajros de Amil.

O hip hop revolucionario e feminista de Santa Salut tomará logo a remuda no solpor do Atardecer Fest. A rapeira catalá, todo un referente na escena urbana, emprega a música para denunciar inxustizas e romper estereotipos, cun estilo influenciado polo rap clásico dos 80, 90 e 2000.

Israel B será o encargado de poñer o ramo a esta cita dedicada á música urbana. O madrileño, coñecido como integrante dos grupos de rapeiros de culto Takers e Corredores del Bloque, despegou cunha carreira en solitario en 2018 que foi gañando en diversidade e popularidade con temas tan escoitados como YYANOSE ou Tranquilísimo, no que colaborou con C. Tangana.

O peche de Atardecer no Gaiás será o venres 14 de agosto con Turista Sueca. O trío formado en Barcelona promete un solpor de baile e diversión coa súa mestura de pop, electrónica e actitude punk. O grupo, que conta con raíces no País Vasco, Andalucía e Galicia, presentará os temas do seu LP debut, Síndrome de Estocolmo, cun directo explosivo e letras que transforman o cotián en crítica cargada de humor.

Programación ‘Para gustos, cultura’

Atardecer no Gaiás é unha das máis de 3.600 propostas impulsadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dentro da campaña de verán Para gustos, cultura, que leva actividades de música, artes escénicas e exposicións a máis de 200 localidades galegas. O ciclo conta este ano tamén co apoio da Cervezas Alhambra reafirmando o seu compromiso coas experiencias que convidan a gozar sen présa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/08/2026