Belén do Campo visita o Campamento Urbano para Persoas con Discapacidade organizado por ARELA-CAMBRE, que conta co apoio do Goberno galego
O programa desenvólvese do 3 de agosto ao 4 de setembro nun local municipal cedido polo Concello de Cambre
A representante do Goberno autonómico galego destacou que o campamento ofrece actividades adaptadas para promover a autonomía persoal, a inclusión social e o lecer educativo das persoas participantes, ao tempo que facilita a conciliación das súas familias
Cambre (A Coruña), 10 de agosto de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, visitou hoxe o Campamento Urbano para Persoas con Discapacidade para o Fomento da súa Integración e Axuda á Conciliación Familiar, organizado pola Asociación para Persoas con Discapacidade e Familiares ARELA-CAMBRE, para coñecer de primeira man o desenvolvemento desta iniciativa, que conta co apoio do Goberno galego, xa que esta entidade recibiu o ano pasado máis de 30.000 euros para desenvolver as súas actividades a través das subvencións destinadas a realizar programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF e do Imposto de Sociedades. Na visita tamén participaron membros da asociación "En Bici sen idade", colaboradora desta entidade.
A representante autonómica puxo en valor o labor que desenvolve a asociación a favor da inclusión das persoas con discapacidade e do acompañamento ás súas familias. "Programas como este son fundamentais porque ofrecen ás persoas participantes un espazo de convivencia, aprendizaxe e lecer adaptado ás súas necesidades, ao tempo que proporcionan ás familias un recurso esencial para favorecer a conciliación e o respiro familiar durante o período estival", destacou.
O campamento desenvólvese entre o 3 de agosto e o 4 de setembro nun local municipal cedido polo Concello de Cambre. O programa ofrece distintas modalidades horarias para adaptarse ás necesidades das familias, cunha xornada completa de 9.00 a 16.30 horas e outra de 9.00 a 13.00 horas.
A iniciativa está dirixida a persoas con discapacidade e necesidades específicas de apoio, principalmente do municipio de Cambre e da súa área de influencia. Participan usuarios con discapacidade intelectual, trastornos do desenvolvemento, trastorno do espectro autista (TEA), discapacidade física e situacións de dependencia, moitos deles con elevados graos de discapacidade que precisan apoios continuados e atención individualizada.
Durante a súa estancia, as persoas participantes realizan un amplo programa de actividades adaptadas que inclúe talleres de estimulación cognitiva, manualidades e expresión artística, actividades para fomentar a autonomía persoal e as habilidades sociais, xogos e dinámicas de grupo, actividade física adaptada, música, psicomotricidade e saídas ao contorno para favorecer a participación comunitaria.
A delegada territorial salientou que "a inclusión constrúese ofrecendo oportunidades reais de participación e garantindo que todas as persoas poidan desenvolver o seu proxecto de vida en igualdade de condicións. Por iso, desde a Xunta seguimos apoiando iniciativas que melloran a calidade de vida das persoas con discapacidade e reforzan o apoio ás súas familias".
Neste sentido, lembrou que o Goberno galego mantén o seu compromiso co terceiro sector social e co desenvolvemento de programas que promoven a autonomía persoal, a accesibilidade, a igualdade de oportunidades e a plena inclusión das persoas con discapacidade.
A representante da Xunta agradeceu tamén o traballo que realiza o equipo de profesionais e persoas colaboradoras de ARELA-CAMBRE, "cuxa dedicación e profesionalidade fan posible que este campamento ofreza unha atención individualizada, segura e adaptada ás necesidades de cada participante".
O Campamento Urbano para Persoas con Discapacidade consolídase así como un recurso de gran valor social, ao combinar actividades de lecer inclusivo e desenvolvemento persoal co apoio á conciliación familiar durante os meses de verán, contribuíndo a construír unha sociedade máis inclusiva, accesible e comprometida coa igualdade de oportunidades.
Axudas IRPF
Belén do Campo lembrou que as axudas deste ano 2026 destinadas a realizar programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF e do Imposto de Sociedades, contan cun orzamento inicial de 35,5 millóns de euros. Prevese que, unha vez que o Goberno central formalice a asignación da contía definitiva que lle corresponde a Galicia, o montante total desta orde, que xestiona a Consellería de Política Social e Igualdade, suba ata os 42,4 millóns de euros, un 19,5 % máis que o ano anterior. O prazo de presentación de solicitudes estivo aberto ata o 27 de xullo.
Esta liña de achegas está dirixida a entidades que traballan no ámbito das políticas sociais e a igualdade, é dicir, que desenvolven actuacións destinadas ao apoio da familia e da infancia, así como á dinamización demográfica; á atención de persoas maiores e con discapacidade; á inclusión social; á promoción da igualdade entre mulleres e homes; e á prevención da violencia de xénero e ao apoio ás vítimas. A través destas axudas tamén se poden financiar investimentos en equipamentos, obras de adaptación e rehabilitación de centros e unidades de atención ou a adquisición de vehículos adaptados. O pagamento das axudas efectuarase cun anticipo do 100 %, e a execución dos programas realizarase durante 2027.