O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica as bases que regulan a concesión destas achegas
A Xunta abre mañá o prazo para solicitar as axudas do programa Respiro Familiar
O orzamento desta orde de achegas supera os 735.000 euros e ten carácter retroactivo, desde o pasado 1 de xaneiro
O obxectivo desta iniciativa é facilitar o descanso e a conciliación a persoas coidadoras non profesionais de persoas dependentes ou co discapacidade
Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2026
A Xunta de Galicia abre mañá o prazo para que as persoas coidadoras habituais e non profesionais de persoas dependentes ou con discapacidade soliciten as axudas do programa Respiro Familiar. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria destas achegas, que conta cun orzamento total de 735.204,93 euros.
As persoas interesadas teñen ata o vindeiro día 15 de outubro para pedir algunha das tres modalidades de achegas que se inclúen nesta convocatoria: respiro no fogar, respiro nun centro de día ou respiro nunha residencia. O obxectivo é facilitar o descanso e a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas coidadoras
O programa Respiro Familiar ofrece axudas de 1.500 euros para estadías temporais en residencias ou de 1.000 euros para contratar os servizos puntuais en centros de día ou a atención dun coidador no propio domicilio.
Esta orde de achegas ten carácter retroactivo, desde o pasado 1 de xaneiro, e as solicitudes presentaranse preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta. Tamén se poderán cursar por rexistro.