A Xunta apoia a terceira edición do torneo Unindo Camiños que vincula o fútbol cos valores xacobeos
Esta iniciativa celebrarase os días 23 e 24 de agosto e reunirá a 20 equipos de Galicia, Asturias, Canarias e Portugal
Na súa presentación, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou a súa aposta por “diversificar as experiencias vinculadas ao Camiño e que favorezan o turismo, deporte e promoción do territorio”
Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2026
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na presentación da terceira edición do torneo Unindo Camiños, organizado polo Sporting Santiago Club de Fútbol co apoio da Xunta, unha cita deportiva que se celebra os días 23 e 24 de agosto no campo de Santa Isabel e que reúne 20 equipos procedentes de Galicia, Asturias, Canarias e Portugal, con máis de 600 participantes.
O torneo da visibilidade ao fútbol xuvenil masculino e feminino, vinculándoo a un dos principais elementos identitarios de Galicia, o Camiño de Santiago. Neste sentido, Xosé Merelles destacou a importancia de apoiar eventos que vinculen o deporte cos valores xacobeos e o turismo activo, e que “promover o encontro entre mozos e mozas de diferentes territorios permite dar a coñecer Galicia a través de experiencias deportivas”.
O proxecto inclúese no Plan de Patrocinio do Xacobeo 2027. O director de Turismo de Galicia enmarcou este apoio na aposta da Xunta por “diversificar as experiencias vinculadas ao Camiño e que favorezan o turismo, deporte e promoción do territorio”.
A iniciativa busca tamén reforzar a proximidade entre as cidades polas que pasa o Camiño a través do fútbol e dos valores que comparte coa peregrinación xacobea. “O deporte é unha vía para promover a convivencia e a colaboración entre equipos e localidades, ao tempo que permite achegar aos participantes ao noso patrimonio, gastronomía e natureza”, explicou Xosé Merelles.
Nesta terceira edición, a presenza de equipos procedentes de diferentes territorios consolida o carácter internacional do torneo. O director de Turismo estaca neste sentido a especial relevancia da participación do SC Braga, o FC Famalicão e o Vitória SC de Guimarães, tres clubs portugueses que “consolidan a relación deportiva e turística entre Galicia e o norte de Portugal e contribúen a reforzar a vocación transfronteiriza dun proxecto que cada ano incorpora novos territorios”.
Os equipos participantes proceden de A Coruña, Braga, Guimarães, Las Palmas de Gran Canaria, Lugo, Nigrán, Oviedo, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Vila Nova de Famalicão, configurando unha edición diversa desde o punto de vista territorial.
Un torneo que impulsa o turismo deportivo
Iniciativas coma esta axudan a promover o Camiño como conexión entre territorios e permiten asociar a súa identidade a experiencias vinculadas ao deporte e á mocidade. Esta cita contribúe tamén a reforzar a presenza do turismo deportivo entre os segmentos turísticos con capacidade para atraer visitantes e xerar actividade no destino.
Segundo a Enquisa de Turismo de Residentes de 2025, o turismo vinculado ao deporte achegou a Galicia arredor de 118.000 turistas nacionais, que realizaron preto de 270.000 noites na comunidade, cun gasto total de aproximadamente 31 millóns de euros.
O Camiño, unha ruta de referencia internacional
A celebración de Unindo Camiños coincide cun momento de crecemento e consolidación do Camiño de Santiago. No 2025, 530.987 persoas recolleron a Compostela, un 6% máis que no 2024, e a dimensión internacional do Camiño continúa en aumento. Máis da metade das persoas que recolleron a Compostela o pasado ano procedían do estranxeiro, concretamente o 57%.
A tendencia mantense en 2026. No que levamos de ano, máis de 338.000 peregrinos recolleron a Compostela, un 6% máis que no mesmo período de 2025. Tamén se consolida a súa internacionalización, xa que o 62% son estranxeiros, con Estados Unidos á cabeza, seguido de Italia, Portugal, Alemaña e Reino Unido.
O Camiño continúa medrando e internacionalizándose, e estes eventos permiten fortalecer os vínculos entre territorios e ofrecer novas formas de vivir e coñecer Galicia a través dos seus valores xacobeos.