A Xunta salienta o valor de iniciativas como o Pasaporte Adeto para dinamizar as vendas no comercio de proximidade durante o verán
Tomiño (Pontevedra), 15 de agosto de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou recentemente en Tomiño distintos comercios xunto con representantes da Asociación de Empresarios Adeto, que impulsa o Centro Comercial Aberto de Tomiño. Nesta visita puxo en valor a nova edición da campaña Pasaporte Adeto, que conta co apoio da Xunta no marco das achegas autonómicas destinadas á actividade dos centros comerciais abertos, que na convocatoria deste ano repartiu máis de 2,35 M€ entre 56 entidades de toda Galicia. Nesta liña, Gabriel Alén salientou a importancia destes apoios —enmarcados no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030— a prol de impulsar as vendas nos establecementos de proximidade.
En concreto, coa campaña de Adeto cada verán os negocios deste concello reparten e selan pasaportes entre os seus clientes cos que, atendendo ás indicacións da campaña, poderán participar nun sorteo no que gañar ata 300€ en vales para mercar nos negocios de Tomiño. Ademais, para os 100 primeiros pasaportes completos que se entreguen na sede da asociación ou calquera comercio participante, repartiranse regalos directos e aquelas persoas que non consigan completar o pasaporte tamén poderán obter premio nun sorteo que se celebrará o 4 de setembro.