Máis de 360 persoas habilitáronse como persoal de control de acceso no primeiro semestre deste ano a través dos cursos que oferta a Academia Galega de Seguridade Pública

Ata fin de ano celebraranse outras catro edicións desta formación, das que a próxima está prevista para o 30 de setembro

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2026

Máis de 360 alumnos aprobaron os cursos de seis horas lectivas impartidos na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) durante o primeiro semestre deste ano para a obtención ou renovación da súa habilitación como persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas. Das catro edicións pendentes ata finais deste ano, a próxima está prevista para o vindeiro 30 de setembro.

A iniciativa vai dirixida ás persoas interesadas en realizar a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas, así como aos espazos e establecementos abertos ao público nos que se desenvolvan. Nos cursos abórdanse aspectos básicos da normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas, así como das de xogo, en materia de igualdade e relacionada cos horarios. O temario inclúe tamén os dereitos e deberes das persoas usuarias, dereitos fundamentais e dereito de admisión, ademais do réxime xurídico das persoas menores de idade. Medidas de seguridade, autoprotección, primeiros auxilios e o protocolo en situación de perigo son outros dos contidos previstos.

Esta formación substitúe as probas de coñecementos anuais e ao test psicolóxico que tiñan que superar os aspirantes antes da actualización do decreto. Deste xeito, é necesario superar igualmente unha proba de coñecementos, pero coa formación mensual de seis horas nestes cursos o proceso acúrtase moito respecto ás probas anuais anteriores á aprobación do Decreto 48/2021, que derrogou o que estaba vixente desde 2010.

O Goberno galego contribuíu coa actualización deste decreto a unha regulación dos requisitos que debe cumprir o persoal de acceso máis práctica e adaptada á realidade e á normativa actual. Así, simplifícanse e axilízanse os procesos tanto para a obtención como para a renovación da habilitación reformulando o temario da proba de coñecemento.

Entre as funcións do persoal de acceso atópanse as de controlar a entrada das persoas ao establecemento, comprobar a súa idade e identidade, controlar a adquisición da entrada ou localidade, supervisar que non se exceda a capacidade máxima autorizada no recinto, vixiar que as bebidas non sexan sacadas do local, prohibir o acceso fóra do horario de peche e, incluso, se fose necesario, auxiliar as persoas que se encontren feridas e chamar ao teléfono de emerxencias correspondente.

Data de actualización: 20/08/2026