A Xunta pon en valor o papel das casas do maior para achegar atención ás persoas maiores no rural

O delegado territorial en Lugo visitou dous destes recursos en Riotorto e lembrou que está aberta a orde de axudas para ampliar esta rede de proximidade

Riotorto (Lugo), 20 de agosto de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou  esta tarde as casas do maior Pobo de Miranda I e Pobo de Miranda II, en Riotorto, e puxo en valor estes recursos de proximidade que permiten ás persoas maiores recibir unha atención personalizada na súa contorna habitual, ao tempo que facilitan a conciliación das familias e contribúen á creación de emprego no rural.

Durante a visita, na que estivo acompañado polo alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias, Villares interesouse pola atención que reciben as persoas usuarias e conversou con elas sobre as actividades que realizan. Lembrou ademais que o Goberno galego ten aberto o prazo para solicitar as axudas destinadas á creación de novas casas do maior, co obxectivo de seguir ampliando a rede e achegar estes recursos a máis municipios rurais. As achegas poden solicitarse ata o vindeiro 27 de agosto e diríxense a persoas físicas que se establezan como autónomas ou a cooperativas de traballo asociado para a posta en marcha dos centros.

A provincia de Lugo conta actualmente con 25 casas do maior, distribuídas en 16 concellos. O representante do Goberno galego concretou que estes recursos, cun máximo de cinco prazas por centro, ofrecen atención diúrna e totalmente gratuíta ás persoas maiores, con acompañamento e coidados adaptados ás súas necesidades, favorecendo así o seu benestar, autonomía e calidade de vida.

Nesta liña, subliñou que a Xunta puxo en marcha este modelo pioneiro de atención para dar resposta ás características do territorio galego, marcado pola dispersión xeográfica e o envellecemento da poboación. “Falamos dun recurso esencial non só para o coidado dos nosos maiores, que poden permanecer deste xeito na súa contorna habitual e manter os seus vínculos familiares e sociais, senón tamén para facer fronte ao reto demográfico, facilitando a conciliación e xerando novas oportunidades laborais nos concellos do rural”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/08/2026