A Xunta pon en valor o Flores Rock como motor de dinamización social e impulso do turismo urbano da Coruña

Xosé Merelles destacou a capacidade desta iniciativa para manter a identidade local da comunidade e descentralizar a oferta turística

O festival, enmarcado nos Concertos do Xacobeo, celebrarase os días 4, 5 e 6 de setembro na Coruña con música, actividades familiares e gastronomía 

A Coruña, 21 de agosto de 2026

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na presentación do décimo aniversario do festival Flores Rock, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de setembro cunha ampla programación musical e cultural no Barrio das Flores da Coruña. 

A iniciativa, nacida no propio barrio e fortemente vinculada a súa xente e ao tecido social, mantén dez anos despois a esencia coa que comezou, cunha combinación de música, cultura e participación veciñal. O festival contará con dous escenarios e unha programación que reúne artistas e bandas de diferentes estilos, ademais de actividades para públicos de todas as idades e familias.

Neste sentido, Xosé Merelles destacou que o Flores Rock “exemplifica como as iniciativas arraigadas no territorio poden contribuír a súa dinamización, á xeración de actividade económica e á proxección exterior do destino”.

Tamén subliñou que o festival constitúe “unha experiencia que vai máis alá dos concertos, ao integrar música, gastronomía e cultura nunha iniciativa que reforza unha oferta máis diversa e descentralizada, ao tempo que se distribúe ao longo do ano”.

Un festival nacido no barrio enmarcado nos Concertos do Xacobeo

O Flores Rock naceu en 2016 como iniciativa local e, ao longo desta década, foi consolidándose no calendario cultural da Coruña sen perder a súa identidade. Na actualidade, segue sendo un festival local, pero cunha programación capaz de atraer a público de fóra.

O director de Turismo de Galicia enmarcou o apoio de Concertos do Xacobeo ao Flores Rock na “aposta por unha programación musical que combina grandes experiencias con iniciativas de menor formato e forte identidade territorial”.

Ao longo de 2025, máis de 1,5 millóns de persoas gozaron da programación de Concertos do Xacobeo, que contribúe a consolidar Galicia como un dos grandes destinos para a música en directo a nivel galego, nacional e internacional.

Neste contexto, iniciativas como o Flores Rock contribúen a poñer en valor o territorio e os seus barrios. O seu décimo aniversario reafirma así a capacidade dunha iniciativa nacida no ámbito local para consolidarse no calendario cultural da cidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/08/2026