A Xunta colabora coa campaña ‘Peregrinos do Mar’ de Interfish para fomentar o consumo de peixe espada e quenlla no Camiño Francés

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou na presentación desta ruta gastronómica que percorre establecementos hostaleiros desde Estella (Navarra) ata Santiago de Compostela

A iniciativa, promovida pola Organización Interprofesional Pesqueira xunto ás OPPs de Burela, Marín e A Guarda, conta cunha credencial de selado para dinamizar o consumo destas especies de palangre

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou, no Hotel Costa Vella, na presentación da campaña Peregrinos do Mar, promovida pola Organización Interprofesional Pesqueira Interfish-España xunto coas organizacións de produtores pesqueiros de Burela (OPP-7), Marín (OPROMAR, OPP-8) e A Guarda (ORPAGU, OPP-49). A iniciativa une gastronomía, turismo e cultura ao longo do Camiño Francés para poñer en valor dúas especies fundamentais para a frota de palangre, como son o peixe espada e a quenlla.

Durante a súa intervención, Villaverde subliñou o acerto de conxugar a tradición xacobea coa identidade pesqueira de Galicia. "Esta campaña une de forma intelixente gastronomía, turismo e cultura nunha viaxe culinaria inspirada no noso propio legado histórico, poñendo en valor o labor dun sector referente que leva o selo de calidade de Galicia por todo o mundo", sinalou a conselleira. Así mesmo, salientou que a frota de palangre galega representa a sustentabilidade, a responsabilidade e o respecto polo medio mariño a través de capturas selectivas.

A campaña desenvolverase entre o 24 de agosto e o 30 de outubro a través dunha rede de restaurantes en Estella, Carrión de los Condes, Burgos, León, Astorga, Villafranca del Bierzo, Sarria e Santiago de Compostela. Un dos elementos centrais do proxecto é a Ruta de Selado, que permite aos peregrinos completar un pasaporte gastronómico conforme degustan as elaboracións específicas creadas pola hostalaría participante. O acto de apertura contou amais cunha demostración culinaria e degustación a cargo da chef galega Lucía Freitas.

A Consellería do Mar mantén o seu compromiso con Interfish-España a través de convenios de colaboración que superan os 450.000 euros nos últimos catro anos para a promoción de especies como o peixe espada, a quenlla e o marraxo. Estes acordos inclúen a actualización de estudos científicos e nutricionais, accións de promoción comercial en grandes eventos como a Feira Conxemar e campañas divulgativas para fomentar o consumo de produtos pesqueiros entre a poboación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/08/2026