A Xunta e Craega afianzan a súa colaboración para impulsar os produtos ecolóxicos da acuicultura galega
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e o presidente do Consello Regulador abordaron novas vías para reforzar a promoción e comercialización
Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2026
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, reuniuse co presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), Francisco López, nun encontro no que ambos abordaron as liñas de colaboración para seguir impulsando os produtos ecolóxicos procedentes da acuicultura galega.
A reunión permitiu analizar a evolución deste tipo de producións e a importancia de continuar promovendo o seu coñecemento, consumo e comercialización, no marco da diversidade produtiva da acuicultura galega. Galicia conta cunha posición destacada neste ámbito, tanto polo número de explotacións de acuicultura ecolóxica como polo peso da súa produción no conxunto estatal.
Neste ámbito, o mexillón e as algas ecolóxicas constitúen dous dos principais produtos certificados da acuicultura galega e contan con presenza nos mercados nacionais e internacionais. Esta actividade contribúe a diversificar a oferta do sector acuícola galego e a dar resposta aos diferentes segmentos e demandas dos consumidores.
A Consellería do Mar e Craega veñen mantendo unha liña de colaboración para promover e mellorar a comercialización dos produtos ecolóxicos do mar, con iniciativas destinadas a divulgar as súas características, achegalos aos consumidores e favorecer o seu coñecemento.