Unha exposición percorre Galicia para amosar a evolución da comunidade coa contribución dos fondos europeos
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, visitou hoxe a mostra en Lugo, onde permanecerá aberta ata o vindeiro día 4 de setembro
Destacou os 32.000 millóns de euros que a Comunidade galega recibiu desde 1986, que teñen axudado ao seu desenvolvemento social e económico
Lugo, 26 de agosto de 2026
Unha exposición percorre Galicia para amosar a evolución da Comunidade coa contribución dos fondos europeos. O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, visitou hoxe en Lugo a mostra 40 anos de fondos europeos en Galicia, acompañado do delegado territorial da Xunta na provincia, Alfonso Villares. A exposición, composta por 20 paneis, permanecerá na cidade ata o vindeiro día 4 de setembro e seguirá despois a súa itinerancia por distintas cidades e vilas galegas.
O obxectivo da exposición é poñer en valor o proceso de cambio acontecido en Galicia nas últimas catro décadas co apoio da Unión Europea, a través dos diferentes fondos. Miguel Corgos destacou os 32.000 millóns de euros que a Comunidade galega recibiu desde 1986, “que teñen contribuído ao desenvolvemento social e económico da nosa comunidade” e son dunha importancia crucial “á hora de mellorar o crecemento e a converxencia de Galicia”. Así, neste período, Galicia escalou sete posicións entre as CC.AA. en termos de PIB por habitante e pasou de representar o 77,6 % da media hai dúas décadas ao 92,5 % no ano 2024, cun avance de case 15 puntos.
Para o conselleiro de Facenda, “Galicia, catro décadas despois da súa incorporación á UE é unha terra máis moderna, inclusiva e aberta ao mundo, integrada por completo no proxecto europeo”. A Comunidade galega experimentou unha profunda transformación que mellorou a calidade de vida da cidadanía e reforzou as bases dun desenvolvemento económico e social máis sólido, explicou.
Miguel Corgos falou tamén do futuro, no que se afrontan novos desafíos no proceso de converxencia, como “impulsar a produtividade, a innovación, a transición ecolóxica, a dixitalización ou o reto demográfico”. Ao mesmo tempo, completou, a Unión Europea define novas prioridades, “como o acceso á vivenda, a resilencia fronte á crise, o impulso de tecnoloxías estratéxicas e a autonomía económica”.