O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude visitou as instalacións que esta semana acollen a última quenda dun dos campamentos do programa ‘Modo Verán Activo’

A Xunta investirá 690.000 € en traballos de renovación do Albergue Xuvenil Area en Viveiro

A actuación abrangue a adecuación de baños e vestiarios, ademais de intervir no sistema de calefacción e na rede de saneamento e abastecemento de auga

As obras, que teñen prevista unha duración de seis meses, súmanse a outras melloras para as que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achegou nos últimos anos máis de 650.000€

López Campos destaca que o mantemento “nas mellores condicións dos nosos equipamentos para a mocidade permítenos ser un referente dentro e fóra de Galicia”

Viveiro (Lugo), 27 de agosto de 2026

A Xunta de Galicia acaba de licitar por valor de 690.000€ as obras de renovación do Albergue Xuvenil Area, na localidade lucense de Viveiro, para a mellora dos baños e vestiarios e a renovación do sistema de calefacción e rede de saneamento. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita na que estivo acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, e na que destacou que a reforma posibilitará que o Goberno galego “vele por manter nas condicións máis axeitadas as nosas instalacións para ofrecer os mellores servizos á mocidade”.

Neste senso, o representante Executivo autonómico fixo fincapé en que contar con “equipamentos de calidade é un dos piares que nos permite ser un referente na programación de verán dentro e fóra de Galicia”. Referiuse así á campaña Modo Verán Activo que, dixo, “un ano máis volve ser un éxito, sendo este un dos complexos principais dos nosos campamentos en toda a Comunidade e na provincia de Lugo en concreto, onde contamos con oferta nesta modalidade noutros seis enclaves”.

Precisamente, a visita coincidiu coa presenza dos participantes na última quenda da proposta NaturArea: ambiente mariño e náutica, “unha das máis demandadas tradicionalmente dentro desta oferta”. Nesta liña, lembrou que este ano puxéronse a disposición dos solicitantes 500 prazas divididas en cinco estadías de 100 persoas cada unha, que rematarán o vindeiro catro de setembro tras gozar de actividades na auga como vela, windsurf ou caiac e doutras accións como volei praia, xogos, excursións ou aulas da natureza mariña.

Así, López Campos puntualizou que se trata “dun bo exemplo do potencial que teñen este tipo de infraestruturas para levar a cabo accións de lecer educativo, deportivo e de coñecemento do medio mariño con gran recoñecemento entre a xuventude, e que agardamos seguir consolidando con esta renovación”. Unha mellora que se suma, explicou, “a anteriores investimentos que acadaron máis de 650.000€ nos últimos anos”.

En concreto, a actuación permitirá adecuar os baños e vestiarios coa renovación de pavimentos, revestimentos e falsos teitos, así como a substitución das instalacións de calefacción no que ten que ver con radiadores e tubaxes. Doutra banda, acometerase a renovación parcial da rede de saneamento e da conexión ao pozo de bombeo. O abastecemento de auga, coa intervención sobre a acometida ao edificio, é outra das intervencións que contempla o proxecto.

2.672 prazas en Lugo na campaña ‘Modo Verán Activo’

A campaña Modo Verán Activo na provincia de Lugo suma un total de 2.672 prazas, das cales 1.963 corresponden aos campamentos organizados, ademais de no Albergue Xuvenil Area, no Benigno Quiroga de Portomarín e no Lug II da capital lucense, aos que se suman o Campamento Xuvenil A Devesa en Ribadeo e Os Chacotes en Palas de Rei. Unha oferta que se completa coa programación no Centro de Inmersión Lingüística dos Peares e no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá.

Data de actualización: 27/08/2026