O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude asinou un convenio coa alcaldesa deste municipio da mariña lucense para actuacións de mantemento deste inmoble

López Campos erixe a achega de 200.000 € no Teatro Pastor Díaz de Viveiro como mostra do compromiso da Xunta co bo estado das infraestruturas culturais

O representante do Executivo autonómico salienta a colaboración institucional para “manter nas mellores condicións os referentes culturais das localidades galegas”

Avanza que as actuacións van na liña de actuacións do Goberno galego para equipar os municipios con “infraestruturas de calidade que propicien a dinamización cultural”

Adianta que as obras de mantemento recollen accións na cuberta e nas fachadas para solucionar as filtracións de auga, así como a renovación de sistemas

Viveiro (Lugo), 27 de agosto de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asinou hoxe coa alcaldesa de Viveiro, Carmen Gueimunde, un convenio de colaboración, dotado con máis de 200.000€, para levar a cabo obras de conservación e mantemento no Teatro Pastor Díaz, e que erixiu como “mostra do compromiso da Xunta co bo estado das infraestruturas culturais que contribúen á dinamización de todo o territorio”.

Precisamente, o titular de Cultura do Goberno galego explicou a importancia desta achega para resolver o “deterioro progresivo polo paso do tempo dun dos referentes culturais, patrimoniais e arquitectónicos” deste concello da mariña lucense. Ademais, considerou que esta intervención reflicte a aposta da Xunta pola colaboración institucional, “imprescindible para manter nas mellores condicións estes equipamentos e ofrecer un servizo de calidade”.

Nesta liña, López Campos salientou que, con este tipo de actuacións, a Xunta está a garantir “o acceso á cultura de todos os galegos e galegas, con independencia das súa situación xeográfica, económica ou social”, na liña dos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia. Neste senso, lembrou que Galicia foi pioneira en Europa na elaboración e posta en marcha dunha normativa que regula a cultura desde a inclusividade e accesibilidade, “tanto desde o punto de vista da creación como do acceso á programación”.

Actuacións no Teatro Pastor Díaz

Con este obxectivo, o representante da Xunta avanzou que as obras no Teatro Pastor Díaz están dirixidas a realizar traballos puntuais para “preservar a funcionalidade e integridade arquitectónica do espazo, garantindo as condicións de seguridade, salubridade, habitabilidade e conservación, sen alterar os seus valores formais nin culturais”.

Deste xeito, o conselleiro adiantou que as intervencións estarán centradas en solucionar as filtracións na cuberta e nas fachadas, “anulando as humidades por capilaridade, ao tempo que se procederá ao saneamento dos sistemas de seguridade e na modernización da iluminación do patio de butacas”.

Desta forma, explicou que para o desenvolvemento da intervención neste 2026 están asignados 38.119 euros para cubrir as actuacións preliminares, medios auxiliares, plans de seguridade e as obras urxentes de estanqueidade exterior en cubertas e encontros coas fachadas, co fin de protexer o edificio. Mentres, para o 2027 a partida é de 161.881€ correspondente ao groso da execución material, que inclúe o acondicionamento de fachadas, trasdosados interiores, renovación dos sistemas de iluminación escénica e electricidade, substitución e mantemento de portas de emerxencia e a restauración especializada dos lenzos artísticos da sala.

Un espazo con historia

A historia do Teatro Pastor Díaz remóntase á primeira metade do século XX, cando comezou a acoller unha ampla variedade de usos culturais e sociais, representacións teatrais, proxeccións de cine mudo ou concertos, converténdose nun elemento vertebrador da vida cultural e lúdica de Viveiro.

O edificio posúe unha estrutura en planta trapezoidal, destacando pola súa boa acústica, pola integración co tecido urbano histórico e pola calidade formal e decorativa dos seus espazos interiores. Cómpre destacar as pinturas no teito e no friso superior do escenario onde se representan as figuras de Rosalía de Castro e Nicomedes Pastor Díaz, en homenaxe á literatura galega.

Data de actualización: 27/08/2026