A Xunta mellora a conservación e accesos ás torres do sistema defensivo da Limia con 12.000 € para traballos de limpeza e roza

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, propietaria destes Bens de Interese Cultural situados en Ourense, financia estas actuacións que comezaron esta semana

Abranguen máis de 11.000 metros cadrados, que inclúen as torres do Castro e de Firbeda, nos municipios de Sandiás e Porqueira, e o castelo da Pena, en Xinzo de Limia

Forma parte do Plan de intervencións do Goberno galego para o ano 2026 cunha partida de preto de 700.000€ para 38 xacementos, sete deles nesta provincia

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2026

A Xunta de Galicia comezou, a principios desta mesma semana, os traballos de limpeza e roza das Torres pertencentes ao sistema defensivo medieval da Limia, situados na provincia de Ourense, aos que destina unha achega de 12.000 euros de cara a mellorar a conservación e acceso a estes Bens de Interese Cultural.

Estas intervencións forman parte do Plan de actuacións arqueolóxicas 2026 do Goberno galego, que conta cun orzamento de preto de 700.000€ para levar a cabo 38 actuacións repartidas por toda Galicia. Precisamente, na provincia de Ourense realizaranse un total de sete, cun orzamento superior aos 150.000€.

En concreto, na Limia, a intervención lévase a cabo en máis de 11.000 metros cadrados das torres O Castro e Firbeda, nos municipios ourensáns de Sandiás e Porqueira, respectivamente, ademais de no Castelo da Pena, que se atopa na localidade de Xinzo de Limia.

En  canto á actuación que se está a realizar na Torre do Castro, céntrase principalmente en rozar a vexetación dunha superficie aproximada duns 6.500 metros cadrados, que rodea os restos deste ben para facilitar o acceso ata o mesmo. En canto á de Firbeda, a limpeza está a abranguer uns 2.600 metros cadrados e inclúe a vexetación de toda a parcela, con especial incidencia na base e nos límites con camiños e propiedades veciñais.

No caso do Castelo da Pena, a intervención, baixo control arqueolóxico, estase a realizar nunha superficie duns 3.000 metros cadrados, mediante rozadoiras mecánicas de man, co obxecto de eliminar pequenas árbores e tocos deixados en anteriores limpezas e tamén se están a eliminar pólas secas que entorpecen o tránsito das persoas. De igual xeito, estase facendo estes traballos coa vexetación que cobre a muralla, que pecha o recinto fortificado.

 

Data de actualización: 29/08/2026