A Xunta convoca un procedemento específico para a cobertura temporal de seis prazas de embriólogo nas unidades de reprodución humana asistida do Servizo Galego de Saúde

Este reforzo de persoal está recollido no Plan galego de reprodución humana asistida

Os aspirantes deberán posuír unha licenciatura ou grao en ciencias biomédicas, con formación e experiencia en bioloxía da reprodución

O prazo de presentación das solicitudes e da documentación requirida será de dez días hábiles contados desde o seguinte á data da publicación desta convocatoria

Unha comisión e avaliación entrevistará ás persoas admitidas sobre as funcións do posto que deberán desenvolver 

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2026

Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se convoca un procedemento específico para a cobertura temporal de seis prazas con características específicas de embriólogo, no ámbito das unidades de reprodución humana asistida da sanidade pública galega. 

A distribución por áreas sanitarias é de dous postos para a unidade de reprodución humana asistida da área da Coruña, dous postos para a unidade de Santiago de Compostela e dous postos para a de Vigo.

A vinculación realizarase mediante nomeamentos de interinidade en praza vacante e o seu réxime de prestación de servizos poderá ser, indistintamente, en xornada de mañá e/ou de tarde, debendo realizarse as gardas presenciais ou localizadas que se fixen no servizo.

O prazo de presentación das solicitudes e da documentación solicitada será de dez días hábiles contados desde o seguinte á data da publicación desta convocatoria.

Os aspirantes deberán posuír unha licenciatura ou grao en ciencias biomédicas (Medicina, Veterinaria, Farmacia, Bioloxía ou Química), con formación e experiencia en bioloxía da reprodución. 

Así mesmo, deberán ter prestados servizos no ámbito das profesións habilitadas polas referidas titulacións oficiais, como mínimo durante un período de dous anos, nunha unidade de reprodución humana asistida. Tamén terán que acreditar formación específica en reprodución humana asistida cun mínimo de 60 créditos.

As persoas interesadas en participar na convocatoria deberán presentar unha solicitude seguindo o modelo, que estará a disposición dos aspirantes na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Unha vez transcorrido o prazo de presentación de reclamacións, publicarase a listaxe definitiva das persoas aspirantes admitidas e excluídas, coa orde de chamamentos para a realización dunha entrevista, xunto coa composición da Comisión de Avaliación, e a data, o lugar e a hora de realización da dita entrevista.

A comisión contará coa presenza, entre outros, de profesionais con destino preferente nas áreas sanitarias que constan con unidades de reprodución humana asistida.

Realizarán unha entrevista relacionada coas funcións do posto que deberán desenvolver: análise de seminogramas con valoración da morfoloxía e da mobilidade espermática, captación de ovocitos, inseminación mediante fecundación in vitro e inxección intracitoplasmática de espermatozoides, valoración da calidade embrionaria, carga de embrións en cánulas de transferencia, vitrificación e desvitrificación de embrións e vitrificación de ovocitos.

Este reforzo dos recursos humanos das unidades de reprodución asistida está recollido no Plan galego de reprodución humana asistida 2024-2028, que permitirá que Galicia sexa a comunidade que ofreza a carteira deste tipo de servizos máis ampla de España na sanidade pública.

Data de actualización: 31/08/2026