O director de Augas de Galicia compareceu hoxe no Parlamento na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos

A Xunta salienta o esforzo de Augas de Galicia para que os ingresos polo canon se traduzan cada ano no dobre de investimentos en obras nos concellos

Roi Fernández lembra que, a pesar de que o abastecemento é unha competencia municipal, o organismo hidráulico autonómico brinda o seu “apoio adicional” aos concellos que o necesitan, prestando unha atención especial aos máis pequenos

Entre as principais liñas de traballo neste eido, destaca as axudas para auditorías e plans de seca, a dixitalización das redes de abastecemento para garantir un maior control, as achegas para actuacións directas dos concellos e a execución de obras supramunicipais, tanto en potabilizadoras como en sistemas de almacenamento

Tamén salienta o traballo de Augas de Galicia para mellorar a xestión da auga, con medidas como o novo rexistro electrónico de concesións, a liberación de recursos non utilizados ou os estudos en marcha para localizar e aproveitar as augas subterráneas

Nun contexto marcado en Galicia polo cambio climático e por sistemas municipais con pouco mantemento ou con infraestruturas obsoletas, defende a necesidade de garantir unha xestión máis correcta e eficiente dos recursos hídricos, apostando nalgúns casos por figuras como as mancomunidades ou consorcios como solución

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2026

A Xunta salienta o esforzo que realiza cada ano Augas de Galicia para que os recursos que se obteñen a través do canon da auga (uns 50 millóns de euros anuais) se traduzan en investimentos en obras hidráulicas nos concellos por importe de 100 millóns de euros, é dicir, o dobre do que ingresa en cada exercicio en concepto de canon.

Así o destacou o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, quen compareceu esta mañá a petición propia na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento para dar conta das políticas do organismo hidráulico en materia de abastecemento.

Tras lembrar que o abastecemento é unha competencia municipal, Fernández incidiu en que de igual xeito o organismo hidráulico autonómico brinda o seu “apoio adicional” desde o punto de vista técnico e económico aos concellos que o necesitan, prestando unha atención especial aos máis pequenos.

Na mesma liña, explicou que esta cooperación institucional coas entidades locais se traduce en varias liñas de traballo por parte de Augas de Galicia. Concretamente, destacou as axudas para a realización de auditorías e plans de seca (1,2 millóns de euros nos dous últimos anos, un investimento que permitiu chegar a 3 de cada 4 concellos galegos de menos de 20.000 habitantes); o proxecto de dixitalización dos sistemas de abastecemento para garantir un maior control sobre as redes e as potabilizadoras (ao que destinou case 6 millóns); as achegas para actuacións directas a realizar por parte dos concellos (outros 6 millóns de euros nos últimos 5 anos), e a execución por parte do organismo hidráulico de obras para garantir o abastecemento a nivel supramunicipal, con intervencións tanto en potabilizadoras como en sistemas de almacenamento.

A maiores, o director de Augas de Galicia insistiu na necesidade de seguir traballando na mellora da xestión dos recursos hídricos en alta, é dicir, antes de que a auga chegue aos depósitos xerais de distribución.

Ao respecto, destacou tamén os esforzos do seu departamento neste eido, referíndose en concreto ao novo rexistro electrónico de concesións e ao traballo que se está a realizar para regularizar usos e liberar recursos non utilizados co fin de poder dispoñer deles. Así mesmo, referiuse aos estudos actualmente en marcha para identificar e aproveitar as augas subterráneas como recurso adicional de subministro e que poderían complementar ás fontes convencionais (augas superficiais, ríos e embalses) en períodos de escaseza.

Aposta pola xestión mancomunada

Despois de expoñer as liñas de actuación de Augas de Galicia en materia de abastecemento, Roi Fernández explicou tamén que o contexto actual na Comunidade está marcado, por un lado, polos efectos do cambio climático nos recursos hídricos e na súa xestión e, por outro, por uns sistemas municipais de abastecemento que adoitan contar con pouco mantemento ou con infraestruturas obsoletas.

Neste sentido, sinalou que Galicia está á cola de España no que respecta ao custo da auga, o que se traduce tamén nunha baixa inversión municipal que a Xunta trata de compensar como demostra o feito de que duplicou o seu investimento en materia de abastecemento nos dous últimos anos. Por iso, o director de Augas de Galicia defendeu a importancia e a necesidade de garantir unha xestión máis correcta e eficiente da auga polo que apelou á implicación municipal para optimizar a prestación dun servizo básico para a cidadanía, con medidas como a redución das perdas das redes ou o control das captacións.

Ademais, avogou por figuras como as mancomunidades ou consorcios como posible solución para abordar de forma conxunta a xestión dos recursos en determinadas zonas, incidindo en que a “auga non é de ningún concello senón de todos os cidadáns”.

Por último, lembrou de novo a liña de traballo adiantada xa pola Consellería nos últimos días con relación á actual situación de escaseza: actuar sobre as redes minimizando fugas, reducir a demanda aplicando auga recirculada aos usos posibles, e aumentar os recursos con fontes como a auga subterránea, con almacenamentos e depósitos onde se necesiten e chegando aos embalses, se fose finalmente necesario.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/09/2026