A Xunta destina a máis de medio cento de concellos galegos máis de 1 M€ das novas axudas para a adquisición de equipamento vinculado á prevención de incendios forestais
Resultaron beneficiarios desta convocatoria 23 concellos da provincia de Ourense aos que o Goberno galego destinou máis de 479.000 euros, 12 de Lugo que suman axudas por máis de 265.200 euros, nove na Coruña por máis de 170.600 euros e outros nove na provincia de Pontevedra por importe de 164.800 euros
A Xunta apoia con este investimento, cofinanciado con fondos europeos Feder, aos municipios de ata 30.000 habitantes co obxectivo de que conten cun parque de maquinaria suficiente e adecuada para a realización de limpeza e roza
Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2026
A Xunta vén de resolver a convocatoria de axudas destinada aos concellos galegos para a adquisición de vehículos, as súas adaptacións e maquinaria vinculada a actuacións de prevención de incendios forestais, cofinanciadas nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027. O Goberno galego destinou máis de 1 millón de euros a esta actuación, da que se beneficiaron máis de medio cento de municipios: 23 na provincia de Ourense, 12 na de Lugo, nove na da Coruña e outros nove na de Pontevedra.
Deste xeito, a Administración autonómica contribúe a dotar os municipios de ata 30.000 habitantes dun parque de maquinaria suficiente e adecuado para a realización de actividades de limpeza e roza de espazos e zonas verdes en bordes de estradas, contornas de núcleos de poboación e espazos naturais como medidas preventivas fronte aos incendios forestais.
Deste xeito, esta convocatoria financia con ata 30.000 euros a adquisición de vehículos e as súas adaptacións para mantemento e limpeza preventiva dos contornos de vías e camiños municipais; así como a compra de maquinaria forestal lixeira eléctrica ou de vehículos complementarios para as tarefas forestais de prevención e as súas adaptacións. Trátase de equipamento como miniescavadoras, compactadoras ou rodetes, pequenos tractores, rozadoiras, remolques, trituradores, vehículos todoterreo e minicamións, entre outros.
A provincia de Ourense conta cunha vintena de municipios beneficiarios que percibirán achegas desta convocatoria por importe de máis de 479.000 euros. En concreto, A Arnoia, Avión, Os Blancos, O Bolo, Calvos de Randín, O Carballiño, Cortegada, Cualedro, Muíños, Oímbra, Parada de Sil, A Peroxa, Petín, A Pobra de Trives, Porqueira, Rairiz de Veiga, Ramirás, O Riós, San Amaro, San Cibrao das Viñas, A Veiga, Vilamarín e Xunqueira de Espadanedo.
Por outra parte, na provincia de Lugo unha ducia de concellos recibirán máis de 265.200 euros no marco desta orde. Trátase dos concellos de Cervantes, Folgoso do Courel, Guntín, O Incio, A Pontenova, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Ribas de Sil, A Ribeira de Piquín, Trabada, O Vicedo e Xermade.
Na provincia da Coruña nove concellos -Cabanas, Cedeira, Carnota, Coirós, Monfero, Ordes, Oza Cesuras, Santiso e Toques- poderán reforzar o seu parque de maquinaria destinado á prevención de lumes forestais con axudas que suman máis de 170.600 euros.
Por último, no caso da provincia pontevedresa, a Xunta inviste máis de 164.800 euros na adquisición de vehículos e maquinaria deste tipo nos municipios de Dozón, Meis, Mondariz-Balneario, As Neves, Ponteareas, O Porriño, Salvaterra de Miño, Tomiño e Mos.
Esta medida súmase ás diferentes liñas de apoio que activa cada ano o Goberno galego para facilitarlles ás administracións locais tanto a mellora de equipamento como de infraestruturas. Así, os concellos contan tamén co Fondo de Compensación Ambiental, dotado con máis de 11,4 millóns de euros e destinado a investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio; a orde de axudas para a creación e mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, cun orzamento de 3,5 millóns de euros; e o fondo do Fondo de Cooperación Local (FCL) para proxectos de carácter estratéxico, que conta con 10 millóns de euros. A elas súmase o Fondo de Cooperación Local, que chega a 187 millóns de euros, un 12% por riba de 2025.
O compromiso da Xunta coas entidades locais permitiu só o pasado ano impulsar preto dun milleiro de proxectos municipais financiados a través das distintas liñas de axudas.