A conselleira de Política Social e Igualdade visitou o centro acompañada do alcalde da localidade, Luís Oujo
Fabiola García comproba o remate das obras de mellora da escola infantil pública autonómica do Porto do Son, nas que a Xunta investe 50.000 euros
As actuacións realizadas inclúen a instalación dun novo sistema de climatización no centro, a dotación de novos módulos de almacenamento, a colocación dunha nova cancela na entrada e a limpeza e pintado das fachadas
O Porto do Son (A Coruña), 5 de setembro do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou hoxe acompañada do alcalde do Porto do Son, Luís Oujo, a escola infantil pública autonómica do municipio, onde veñen de rematar as obras de mellora impulsadas pola Xunta cun investimento de 50.000 euros.
As actuacións, que contratou e executou o Concello, consistiron na instalación dun novo sistema e climatización, na dotación de novos módulos de almacenamento e na colocación dunha nova cancela no vestíbulo da entrada. Ademais, procedeuse á limpeza e pintado das fachadas exteriores do centro. A conselleira de Política Social e Igualdade enmarcou esta intervención no compromiso da Xunta coa atención á infancia e o apoio á conciliación das familias, a través de investimentos de mellora nos centros de 0 a 3 anos ou tamén con medidas como a gratuidade.
Ao respecto, lembrou que o vindeiro luns, 7 de setembro, comeza o quinto curso no que as familias galegas non teñen que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos ou fillas, vaian a unha escola 0-3 da Xunta, dependente dun concello, de iniciativa social ou privada. Grazas á gratuidade, Galicia lidera a taxa de escolarización no primeiro ciclo de Infantil cun 64%, 14 puntos por riba da media nacional.
Melloras en escolas das redes autonómica e local
A mellora deste centro do Porto do Son forma parte dun programa de intervencións en escolas infantís públicas de 0 a 3 anos toda Galicia, de titularidade municipal e autonómica. A Xunta destina a estas actuacións, preto de 980.000 euros procedentes do Fondo de Cohesión e Transformación Social (FCT). Con estes fondos acometéronse actuacións de reforma, de ampliación, de renovación de cubertas e fachadas ou de equipamento, en función das necesidades dos centros.