Ana Ortiz celebra o “rotundo éxito” da primeira edición da Xornada Cultural Mar de Galicia que demostra “o enorme talento” dos creadores locais
Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra apoiaron o novo evento que se celebrou este 5 de setembro no Museo do Mar en Alcabre
Vigo, 7 de setembro de 2026
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, felicitaron aos responsables da Asociación Sociocultural e Deportiva Over polo rotundo éxito da primeira edición da Xornada Cultural Mar de Galicia que se celebrou no Museo do Mar o pasado sábado.
A representante autonómica celebrou o respaldo que deu a cidadanía viguesa ao evento destinado ao talento local. “Vigo demostrou outra vez que temos un novo espazo cultural na nosa cidade para dar a oportunidade de que músicos, grupos e creadores locais teñan o lugar que merecen para amosar a súa calidade”, sinalou Ortiz.
Pola súa banda, Luisa Sánchez apuntou que “a xornada cultural do Museo do Mar volveu demostrar que a cidade demanda cultura. Só precisa do apoio necesario. Por iso, para a Deputación é un orgullo impulsar este evento que achega novidades fronte os formatos habituais”. A vicepresidenta engadiu que “tivemos unha programación variada, actividades para públicos diferentes e, sobre todo, moita xente achegándose e gozando dun espazo singular a carón do mar”
O evento contou con tres escenarios de música en directo e catro zonas con actividades deportivas e espazos culturais nos que houbo mercado de artesanía, actividades de deporte acuático e un espazo de conciencia azul. A Xornada Cultural Mar de Galicia foi organizada pola Asociación Sociocultural e Deportiva Over co patrocinio da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra.