A Xunta destaca o compromiso co mantemento e a actualización do servizo de asistencia xurídica gratuíta
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, explicou no Parlamento que xa está vixente co Consello Galego de Procuradores o acordo para compensar a este colectivo pola quenda de oficio e no caso do Consello da Avogacía Galega prorrogouse o acordo mentres se continúa a negociar a renovación do acordo
O Goberno galego está a avaliar a última proposta dos profesionais da avogacía sobre a actualización dos baremos e a incorporación de novos conceptos co obxectivo de chegar a un acordo consensuado no que se lle dea resposta ás necesidades prioritarias
O investimento da Administración autonómica neste servizo incrementouse neste exercicio nun 20% ata os 18,5M€
Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou hoxe no Parlamento galego o compromiso da Xunta co mantemento e a actualización constante do servizo de asistencia xurídica gratuíta en Galicia. Nesta liña, lembrou que o orzamento para a quenda de oficio ascende este ano a 18,5 millóns de euros, o que supón un incremento de case o 20% respecto a 2025. Ademais, inclúese o compromiso para atender os gastos de funcionamento e infraestrutura pola prestación deste servizo aos profesionais da avogacía e da procuradoría a ano vencido, con 1,2 millóns transferidos este exercicio, que se corresponden co 8% do total certificado en 2025 en concepto de asistencia xurídica gratuíta.
Neste marco de acción cómpre lembrar a intención de situarse nos primeiros postos a nivel estatal na compensación a estes profesionais e é referente en asistencia xurídica gratuíta grazas á vontade de diálogo que a Xunta mantén cos profesionais da avogacía e a procuradoría. Así, a comezos de ano xa se publicaron as contías para o cuarto trimestre de 2025 e os tres primeiros trimestres de 2026 para compensar os colexios da avogacía e da procuradoría de Galicia polas actuacións dos seus colexiados na quenda de oficio.
Cómpre aclarar que no caso do Consello Galego dos Procuradores xa se formalizou o acordo para establecer o baremo de compensación económica, que está vixente de outubro de 2025 ata setembro de 2027, froito do diálogo institucional e a vontade de negociación para ofrecer un marco estable ao colectivo e á prestación do servizo.
No que se refire ao Consello da Avogacía Galega, continúase coas negociacións en relación co novo baremo para chegar a unha proposta consensuada. Deste xeito, garántese a continuidade do servizo e das compensacións económicas mentres se aborda o novo marco para os próximos anos. De feito, como explicou o conselleiro, a Xunta está a avaliar a última proposta remitida polo colectivo sobre a actualización de baremos e a inclusión de novos conceptos retributivos. Cómpre engadir que o acordo actual xa incluíu melloras e novos conceptos. Nesta liña, Diego Calvo aclara que a revisión non debe limitarse a unha actualización homoxénea dos baremos senón que ten que dar resposta ás necesidades prioritarias e máis sensibles.
No marco do diálogo cos profesionais da avogacía, á marxe de avanzar na negociación deste convenio, a Xunta prevé formalizar outro acordo co Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña para o desenvolvemento dun programa experimental de medios adecuados de solución de controversias en asuntos civís e mercantís, no eido da asistencia xurídica gratuíta. Así, con esta iniciativa facilitase o acceso a servizos de negociación para favorecer a resolución extraxudicial dos conflitos.
Do mesmo xeito, o conselleiro avanzou que proximamente asinaranse os convenios entre a Xunta -a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a Consellería de Política Social- tanto co Consello da Avogacía Galega como co Consello Galego dos Procuradores dos Tribunais, cunha contía de 40.000 euros cada acordo, para o desenvolvemento de accións de formación especializada a profesionais da avogacía e da procuradoría respectivamente sobre a atención a mulleres e menores que sofren violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.