A Xunta pon en marcha novas técnicas de control e vixilancia de exames para detectar a presenza de dispositivos electrónicos non permitidos nas oposicións

Utilizaranse equipos pasivos de detección de radiofrecuencia e doutras tecnoloxías análogas

As persoas aspirantes non poderán entrar no recinto con bolsos, mochilas, gorros ou outras prendas e utensilios a maiores dos necesarios para a realización das probas

Estas medidas aplicaranse xa nos procesos selectivos que terán lugar a vindeira fin de semana no recinto da Feira Internacional de Silleda

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2026

A Consellería de Facenda e Administración Pública pon en marcha novas medidas de vixilancia e control nas oposicións de acceso ao emprego público que, entre outros aspectos, permitirán detectar a presenza de dispositivos electrónicos non permitidos durante a realización das probas.

Estas actuacións, que se aplicarán xa nos procesos selectivos que terán lugar a vindeira fin de semana no recinto da Feira Internacional de Silleda, permitirán mediante equipos pasivos de detección de radiofrecuencia, campos electromagnéticos, materiais ferromagnéticos ou outras tecnoloxías análogas de detección non intrusiva identificar a utilización de dispositivos electrónicos non permitidos. 

Con este fin, realizaranse controis periódicos durante a realización dos exames, sen causar molestias ás persoas presentadas, e ás saídas dos aseos interiores. As actuacións de verificación desenvolveranse con pleno respecto á dignidade, intimidade e demais dereitos das persoas aspirantes, observando en todo momento os principios de necesidade, idoneidade e proporcionalidade.

Así mesmo, a negativa reiterada a someterse ás comprobacións requiridas ou a detección ou utilización de dispositivos ou materiais prohibidos poderá dar lugar a adopción das medias previstas nas instrucións, incluída a expulsión do exame e a anulación do exercicio.

Neste senso, as propias instrucións establecen que non estará permitida a entrada nin a permanencia nos espazos destinados a realizar as probas con teléfonos móbiles, reloxos de calquera tipo, gafas con cámara, videocámara e/ou dispositivos dixitais e/ou de intelixencia artificial ou integrable mediante conexión e as súas fundas, dispositivos con conectividade inalámbrica, auriculares, microauriculares, lentes intelixentes, cámaras, computadores portátiles, dispositivos de xeolocalización, sistemas de transmisión ou recepción de datos e calquera outros dispositivos ou elementos de características análogas que sexan susceptibles de servir como apoio ou consulta para a realización dos exercicios. Soamente se permitirá o acceso con dispositivos electrónicos a aquelas persoas aspirantes que, por razóns clínicas, teñan autorizada unha adaptación de medios ou a súa utilización, previa  xustificación.

A mera posesión de calquera dispositivo ou elemento prohibido no espazo destinado a realizar a proba, con independencia de que estean apagados ou sen empregar, será causa de expulsión do exame coas consecuencias previstas nas instrucións xerais publicadas.

A Xunta recomenda ás persoas aspirantes acudir exclusivamente cos obxectos estritamente necesarios para a realización do exame (lapis do número 2 e goma de borrar), xa que non se habilitará ningún servizo de custodia ou depósito de dispositivos ou materiais non permitidos. Tampouco se  permitirá a entrada ao recinto con bolsos de man, mochilas, gorros, panos, pendentes ou piercing magnéticos, paraugas, libros, soportes de almacenamento de información ou calquera outro material distinto do expresamente autorizado pola organización.

Cómpre recordar que a participación no proceso selectivo supón o coñecemento e aceptación das medidas de prevención e detección da fraude previstas na convocatoria e a obriga de observar as instrucións ditadas polo persoal responsable para a súa aplicación derivada da súa negativa.

Data de actualización: 12/09/2026