A Xunta insta a Adif a revisar o borrador da acta de entrega das obras dos elementos comúns e do aparcadoiro da estación intermodal da Coruña para poder formalizala

O Goberno galego aclara que, desde o envío a finais de maio da acta de recepción e do borrador da acta de entrega das obras para a súa revisión, máis de tres meses despois, segue sen recibir resposta nin observacións

O convenio asinado entre a Xunta, Adif e o Concello da Coruña establece que o Goberno galego debe comunicar ao resto das partes a recepción das obras e que, posteriormente, Adif debe formalizar coa Administración autonómica a correspondente acta de entrega, trámite que permanece pendente da resposta do organismo estatal

A Xunta rematou en prazo, a finais de 2025, as obras da terminal de autobuses, dos elementos comúns e do aparcadoiro, cun investimento de máis de 20 millóns de euros

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2026

A Xunta insta a Adif a axilizar a revisión e formalización da acta de entrega das obras dos elementos comúns e do aparcadoiro da estación intermodal da Coruña-San Cristovo.

O Goberno galego remitiu a finais de maio a Adif a acta de recepción das obras e o borrador da acta de entrega para a súa revisión. Máis de tres meses despois non recibiu resposta nin observacións por parte do organismo estatal, polo que permanece pendente a formalización da acta de entrega.

Ante esta situación, a Dirección Xeral de Mobilidade vén de reiterar por escrito a Adif a solicitude para que revise a documentación e comunique canto antes a súa conformidade ou, no seu caso, as modificacións que considere oportunas, co obxectivo de completar este trámite.

O convenio de colaboración asinado pola Xunta, Adif e o Concello da Coruña establece que, unha vez recibidas as obras pola Xunta, esta debe comunicalo ao resto das partes e formalizar a súa entrega mediante a correspondente acta. Posteriormente, Adif debe asumir a xestión, conservación e mantemento da parte das instalacións que lle corresponda.

A Xunta lembra que rematou en prazo as actuacións que lle correspondían: a nova estación de autobuses, o aparcadoiro de vehículos e os elementos comúns entre as estacións de autobuses e a ferroviaria. Estas obras supuxeron un investimento autonómico de máis de 20 millóns de euros, no marco dun convenio cun investimento global superior aos 45 millóns.

A remodelación da estación ferroviaria corresponde a Adif e os accesos polas avenidas da Sardiñeira e do Ferrocarril son competencia do Concello da Coruña.

A nova terminal conta con 20 dársenas de operación e 23 de regulación, mentres que o aparcadoiro dispón de máis de 560 prazas. O conxunto das actuacións executadas pola Xunta suma máis de 29.600 metros cadrados de superficie útil e inclúe un edificio de viaxeiros de 1.800 metros cadrados.

Estas actuacións forman parte da creación da área intermodal da Coruña-San Cristovo, concibida para integrar os distintos modos de transporte e mellorar a conectividade e a mobilidade da cidadanía. O proxecto está financiado no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a través dos fondos Next Generation EU.

Data de actualización: 15/09/2026