A Xunta destaca o incremento do 5% do plan anual da cooperación galega deste ano ata acadar os 10,3M€
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, destacou no Parlamento que ata setembro xa se executou o 90% do Plan
As convocatorias de axudas aos axentes da cooperación, acción humanitaria e educación para o desenvolvemento concentran boa parte das actuacións desenvolvidas neste exercicio
Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2026
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, explicou hoxe na súa comparecencia no Parlamento o contido e grao de execución do Plan anual da cooperación galega correspondente a este ano, que xa acadou máis do 90% de execución ata este mes de setembro. Así lembrou que este Plan conta este ano cunha dotación de máis de 10,3 millóns de euros, o que supón un incremento do 5% respecto do exercicio anterior.
Neste Plan recóllense os compromisos, medios de actuación e recursos que o Goberno galego pon ao servizo da cooperación para o desenvolvemento, en coherencia coas prioridades establecidas no V Plan director da cooperación galega 2023-2026.
Entre as principais actuacións desenvolvidas durante o primeiro semestre destacan as axudas bianuais para proxectos de cooperación no exterior das ONGD e doutros axentes de cooperación, cun orzamento global de 6,3 millóns de euros para os exercicios 2026 e 2027, un 5% máis que na convocatoria anterior. Esta liña incorpora, por segundo ano consecutivo, unha convocatoria específica de apoio ás organizacións feministas e de defensa dos dereitos das mulleres, en cumprimento da folla de ruta para a integración do enfoque de xénero e da Axenda Feminista na cooperación galega.
Tamén se puxeron en marcha as convocatorias públicas de axudas dirixidas ás organizacións e aos diferentes axentes da cooperación galega. Neste ámbito, convocáronse as subvencións anuais para proxectos de acción humanitaria, cunha dotación de 700.000 euros, que permitiron financiar dez das 19 solicitudes presentadas. Así como as seis bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento, ás que se destinan 104.600 euros, ademais das correspondentes cotizacións á Seguridade Social
Gamallo referiuse á activación das convocatorias para microproxectos de cooperación no exterior, dotadas con 150.000 euros, e dos programas plurianuais de educación transformadora e innovación e comunicación social, cun orzamento de 720.000 euros distribuído entre 2026 e 2028.
Canto á convocatoria bianual de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global, cunha dotación de 720.000 euros para os exercicios 2026 e 2027, está en proceso de avaliación.
O director xeral informou de que se están a iniciar os traballos de cara á elaboración do VI Plan Director da Cooperación Galega, para o que se tomarán en conta, para a súa mellora, as conclusión derivadas da avaliación do Plan anterior e as aportación do sector.
Reforzo da acción humanitaria
Na súa comparecencia, o director xeral puxo tamén en valor o reforzo da acción humanitaria da cooperación galega, que ven de aumentar mías dun 26% este ano, a través da colaboración coas principais entidades especializadas. Neste ámbito, a Xunta mantén convenios con Farmamundi, UNRWA España, ACNUR e UNICEF.
Tamén se renovou o apoio á Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), cunha achega de 100.000 euros, ampliada con outros 50.000 euros para facer fronte ás consecuencias das inundacións rexistradas na Wilaya de Dajla.
Galicia mantén, ademais, a súa participación na actuación conxunta da cooperación descentralizada coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), cunha contribución anual de 100.000 euros. Ademais, iniciouse a tramitación dun convenio con Cruz Roja Española para atender a emerxencia humanitaria en Venezuela.
No ámbito da educación para o desenvolvemento e do fortalecemento institucional, continúa o convenio coa Coordinadora Galega de Organizacións Non Gobernamentais para o Desenvolvemento, dotado con 110.000 euros, así como a terceira edición do programa Galicia Abriga, desenvolvido xunto coa Consellería de Política Social e Igualdade e diversas ONGD para a acollida temporal de mulleres defensoras dos dereitos humanos.
Tamén se mantén a colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para o desenvolvemento de actividades de formación e sensibilización.