A Xunta destina 71.000 euros a colaborar con 10 asociacións veciñais da Mariña na mellora dos seus locais sociais

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, reuniuse con integrantes do colectivo O San Miguel, do Vicedo, que realizará obras de acondicionamento das súas dependencias co fin de ampliar o espazo dispoñible para organizar actividades

O Vicedo (Lugo), 16 de setembro de 2026

A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes destina neste exercicio 71.000 euros a colaborar con 10 asociacións veciñais da Mariña na mellora dos seus locais sociais, a través da orde anual de axudas para apoiar  o funcionamento destas entidades.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou a sede do colectivo O San Miguel, no concello do Vicedo, que conta cunha achega de 12.000 euros para realizar obras de acondicionamento no interior do inmoble, situado no lugar de Mosteiro.

A finalidade é adecuar unha estancia que aínda presenta acabado de obra, polo que o seu uso se limita ao de almacén. O obxectivo é ampliar o espazo dispoñible para organizar actividades e aumentar o confort das instalacións. A intervención incluirá o revestimento e pintado das paredes, a colocación de tarima no chan e a renovación da instalación eléctrica.

Villares salientou a importancia desta actuación, que beneficiará a un colectivo veciñal moi dinámico, fundado hai catro décadas e do que forman parte máis de 80 familias da parroquia de San Miguel de Negradas.

Dentro da programación que impulsan ao longo do ano - tanto no interior como no exterior do recinto - figuran clases de pilates, talleres de memoria e estimulación física, representacións teatrais e un amplo abano de accións culturais, didácticas e de ocio.

O delegado territorial gabou o papel destas entidades, cuxo labor resulta fundamental  para dinamizar os concellos rurais e fomentar a convivencia entre a veciñanza. Apuntou que no conxunto da Mariña, con cargo a estas axudas tamén se financian proxectos en Ribadeo, Foz, O Valadouro, A Pontenova e Alfoz.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/09/2026