No Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios, celebrado hoxe na sede do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación

Villaverde reclama ante o ministro unha PPC adaptada á realidade de Galicia e unha maior participación das comunidades autónomas

A conselleira trasladou ao ministro a necesidade dun formato nestes encontros no que teña cabida unha maior participación das comunidades autónomas na preparación da posición española

Galicia reiterou a necesidade de garantir, cando menos, 7.290 M€ para pesca e acuicultura no período 2028-2034 e de facilitar a renovación dunha frota envellecida sen incrementar a capacidade pesqueira neta

Madrid, 16 de setembro de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios celebrado na sede do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, onde trasladou ao ministro a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común (PPC) e reclamou unha participación máis efectiva das comunidades autónomas na definición da posición que España defenderá no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea.

Villaverde trasladou a necesidade de dotar estes encontros doutros formatos nos que se dea un maior protagonismo aos gobernos autonómicos e sinalou que Galicia botou de menos un traballo conxunto previo máis efectivo para abordar cuestións de especial transcendencia para o futuro do sector pesqueiro.

Neste sentido, a conselleira defendeu que as comunidades autónomas, polas súas competencias e polo coñecemento directo das características dos seus sectores produtivos, deben ter unha participación activa na elaboración dunha posición común española sobre a futura PPC e o Marco Financeiro Plurianual 2028-2034. Por este motivo, Galicia amosou a súa disposición a seguir traballando co Ministerio para avanzar cara a unha postura consensuada e sólida ante as negociacións europeas.

Durante o encontro, Villaverde reiterou as principais propostas que Galicia considera prioritarias para a futura política pesqueira europea, entre elas garantir un financiamento específico, visible, plurianual e protexido para a pesca e a acuicultura. A Xunta apoia neste ámbito a referencia de, cando menos, 7.290 M€ para o período 2028-2034 e reclama que estes recursos non queden diluídos dentro de fondos de carácter xeral nin poidan ser desviados cara a outras políticas.

A titular de Mar incidiu tamén na necesidade de afrontar o elevado envellecemento da frota. Galicia propón que a normativa europea permita substituír os buques máis antigos por unidades máis seguras, eficientes e sostibles sempre que non se incremente a capacidade pesqueira neta, diferenciando deste xeito entre a modernización dos barcos e un aumento do seu potencial extractivo.

A Xunta defendeu igualmente unha reforma da PPC que faga efectivo o equilibrio entre os piares ambiental, económico e social da sustentabilidade, así como unha maior previsibilidade na xestión dos TAC e cotas. Finalmente, Galicia reiterou a súa aposta por unha simplificación normativa apoiada na dixitalización, na reutilización da información xa dispoñible nas administracións e en controis proporcionais ao risco.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 16/09/2026