O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou unha nova edición desta iniciativa na Cidade da Cultura

A Illa de San Simón acollerá en outubro o obradoiro ‘Con Barqueira e Remador’ impulsado pola Xunta

O proxecto, coordinado pola poeta Yolanda Castaño, reúne a seis poetas e tradutores de Pontevedra, Navarra, Países Baixos, Polonia, Croacia e a India

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pon en valor a capacidade desta cita para converter este espazo nun “punto de encontro literario e cultural”

Ademais de promover sinerxías entre creadores, a proposta favorece a dinamización cultural ao complementarse con tres recitais en Pontevedra e Vigo

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe na Cidade da Cultura a 15ª edición do obradoiro internacional de tradución poética Con Barqueira e Remador que o vindeiro mes de outubro volverá celebrarse na Illa de San Simón. Trátase dunha cita coa que, tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, busca converter este espazo da ría de Vigo “nun punto de encontro literario e cultural”.

Neste senso, Anxo M. Lorenzo, explicou que esta edición volverá estar coordinada pola poeta Yolanda Castaño, unha das voces poéticas en galego con máis recoñecementos  do noso país cos premios da Crítica e o Nacional de Poesía, entre outros moitos. Precisamente, tamén xestiona a Residencia Literaria 1863 da Coruña, na que colabora o Goberno galego.

Así mesmo, o director xeral puxo en valor a capacidade desta cita, que se celebrará do 28 de setembro ata o 3 de outubro, para impulsar sinerxías entre creadores e para favorecer a dinamización cultural ao complementarse con tres recitais en Pontevedra e Vigo, que permitirán dar a coñecer á cidadanía os resultados dos traballos de tradución desenvolvidos na Illa de Simón durante esta semana.  

No relativo aos participantes, nesta edición participarán seis poetas e tradutores: Tamara Andrés, de Combarro (Pontevedra); Ángel Erro, de Navarra; Tsead Bruinja, dos Paises Baixos; Krystyna Dąbrowska, de Polonia; Marija Dejanović, de Bosnia-Hercegovina, e Mohammad Zahid, da India.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/09/2026