Belén do Campo e Begoña Abeijón participan no acto de inicio das obras da nova sede da asociación Parkinson Galicia-Coruña na cidade

Ambas dirixentes desexaron o maior dos éxitos a Parkinson Galicia-Coruña nesta nova etapa con esta nova sede que será un punto de encontro e un espazo desde o que a asociación poida medrar e ofrecer máis e mellores servizos ás persoas afectadas por esta doenza e ás súas familias

A Coruña, 19 de setembro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto a Begoña Abeijón, directora xeral de Personas con Discapacidade, asistiron hoxe ao inicio das obras da nova sede de Parkinson Galicia-Coruña, situada en Espacio Coruña, unha actuación coa que a entidade busca ampliar e mellorar os servizos que presta ás persoas afectadas pola enfermidade de Parkinson e ás súas familias.

Durante a súa asistencia ao acto, puxeron en valor a traxectoria desta asociación, que naceu en 1996 da man dun grupo de persoas afectadas pola enfermidade e dos seus familiares e que, desde entón, se converteu nunha entidade de referencia no ámbito da atención ás persoas con Parkinson.

Ests asociación está centrada, ao longo destas tres décadas, en mellorar a calidade de vida das persoas afectadas e das súas familias a través dunha atención especializada e dun acompañamento próximo e continuado.

Na actualidade, Parkinson Galicia-Coruña conta con 710 persoas socias e presta atención directa a preto de 300 persoas usuarias, ademais de ofrecer apoio indirecto a 148 familiares e persoas achegadas. Ao longo do ano, a entidade realiza arredor de 23.000 intervencións, o que dá conta da dimensión e do impacto social do labor que desenvolve.

Belén do Campo trasladou o compromiso da Xunta de Galicia de continuar colaborando estreitamente coa asociación para avanzar na atención, no coidado e no acompañamento das persoas que conviven con esta enfermidade e das súas familias.

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, tamén destacou que a Xunta colabora coa Asociación de Párkinson Coruña a través das axudas do 0,7% do IRPF para financiar programas de atención social e asesoramento especializado e tamén investimentos en equipamentos da entidade. Neste sentido, apuntou que o Goberno galego comprométese a apoiar, a través desta vía, a construción desta nova sede que representa un paso decisivo para a asociación e que lle permitirá ampliar os seus servizos e seguir ofrecendo unha atención de calidade. Ademais, Begoña Abeijón reiterou a importancia da colaboración entre as entidades sociais e as administracións para que os recursos cheguen a máis persoas.

Por último, as representantes autonómicas desexaron o maior dos éxitos a Parkinson Galicia-Coruña con esta nova sede que será un punto de encontro e un espazo desde o que a asociación poida medrar e ofrecer máis e mellores servizos ás persoas afectadas por esta doenza e ás súas familias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2026