Ana Ortiz anima á cidadanía a participar na nova edición do Outono Gastronómico con 18 establecementos de turismo rural

A delegada territorial da Xunta en Vigo visitou o Pazo da Escola, en Gondomar, un dos participantes na proposta de Turismo de Galicia para impulsar o sector

Gondomar (Pontevedra), 22 de setembro 2026

A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou este martes en Gondomar unha nova edición do ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural 2026’, a proposta de Turismo de Galicia para impulsar o turismo rural fóra de temporada. Durante a súa visita ao Pazo da Escola, un dos 18 establecementos da provincia incluídos na campaña, a representante autonómica animou á cidadanía a participar nesta iniciativa.

A campaña impulsada pola Xunta comezou a semana pasada e desenvolverase ata o 20 de decembro permitindo gozar da gastronomía galega ao tempo que se coñecen e se apoian os establecementos de turismo rural.

Na provincia de Pontevedra participan 18 establecementos, que ofrecerán diferentes propostas especialmente deseñadas para esta campaña.  O programa conta con propostas específicas para visitas de un ou máis días, así como coa modalidade Outono Plus, que incorpora actividades complementarias como experiencias termais, sendeirismo, descenso en canoa ou visitas culturais, segundo o establecemento.

Durante a visita, Ana Ortiz destacou que esta iniciativa permite desestacionalizar a actividade turística e dinamizar o rural, ofrecendo unha oportunidade para coñecer Galicia tamén durante os meses menos concorridos.

A delegada animou a aproveitar esta nova edición para coñecer algunha das 18 casas rurais participantes na provincia de Pontevedra e desfrutar dunha escapada que combina gastronomía, natureza e patrimonio. A información sobre os establecementos participantes, os menús e as diferentes modalidades pode consultarse na web de Turismo de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2026