Villaverde pon en valor a DOP Mexillón de Galicia como sinónimo de calidade, identidade e referencia do mar galego

A conselleira do Mar presentou xunto ao xogador do Celta de Vigo, Iago Aspas, a nova campaña de comunicación da DOP Mexillón de Galicia para reforzar o recoñecemento do selo entre os consumidores

Vigo, 22 de setembro de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e xunto ao presidente da DOP Mexillón de Galicia, Mané Calvo, e ao futbolista Iago Aspas, presentou en Vigo a nova campaña de comunicación deste distintivo de calidade, que ten como lema Se é galego, salta á vista. Alí, a responsable autonómica destacou que o mexillón forma parte da identidade de Galicia e que detrás de cada produto hai unha actividade económica e social estreitamente ligada ás rías.

“O mexillón é parte da nosa identidade, da nosa cultura, da nosa paisaxe e tamén un motor económico para Galicia”, sinalou Villaverde, que puxo en valor especialmente o traballo das persoas que cada día manteñen viva a actividade nas bateas. Neste sentido, subliñou que o selo da DOP permite ao consumidor recoñecer o produto criado e producido nas rías galegas e contar cunha garantía sobre a súa orixe e calidade.

A elección de Iago Aspas como protagonista da campaña responde precisamente a esa conexión coa identidade galega e co territorio. O futbolista, coñecido tamén como “Príncipe das Bateas”, participou na estrea do spot e nunha conversa, na que tamén estivo a conselleira do Mar e os responsables da DOP, e que versou sobre a súa relación co mexillón, a importancia de identificar o produto certificado, o traballo diario das familias bateeiras ou as posibilidades culinarias do mexillón galego. A presentación rematou cunha degustación de Mexillón de Galicia.

A campaña, que se desenvolverá entre o 28 de setembro e o 28 de outubro, contará cun investimento de 100.000 euros e terá presenza, principalmente, en medios dixitais, tanto en Galicia como en Madrid, ademais de accións de publicidade exterior no territorio galego. Estas actuacións forman parte da colaboración que manteñen a Consellería do Mar e o Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia para impulsar a promoción e comercialización do produto certificado.

No marco do convenio de 2026 mobilízanse ata 500.000 euros, dos que a Consellería do Mar achega ata 300.000 euros, cofinanciados nun 70 % polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), para actuacións de promoción, divulgación, comercialización e valorización do mexillón certificado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2026