A Xunta e Fundamar poñen en marcha o programa ‘Dálle Mar ao teu Futuro’ para achegar as profesións do mar aos escolares

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinou co presidente de Fundamar, Francisco Javier Touza, o convenio que permitirá desenvolver actividades de orientación vocacional dirixidas ao alumnado galego de 3º e 4º da ESO

A iniciativa arranca este ano con dúas experiencias piloto e ampliarase en 2027 ata chegar a 14 centros educativos e máis de 300 estudantes

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinou hoxe co presidente da Fundación para a Pesca e o Marisqueo (Fundamar), Francisco Javier Touza, o convenio de colaboración que permitirá poñer en marcha o programa Dálle mar ao teu futuro, co que profesionais da pesca artesanal e de litoral achegarán directamente aos escolares, nas aulas, as oportunidades laborais e os itinerarios formativos vinculados ao sector.

O acordo, cun orzamento de 47.988 euros, achegados pola Consellería do Mar, permitirá desenvolver ata 2027 distintas accións dirixidas ao alumnado de 3º e 4º da ESO e aos departamentos de orientación dos centros educativos. Fundamar asumirá a dirección técnica e pedagóxica das actuacións. O financiamento está cofinanciado nun 70 % polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa) e nun 30 % de fondos propios da Xunta.

Durante a sinatura, Villaverde salientou a importancia de achegar o sector marítimo-pesqueiro á mocidade nun momento decisivo para a elección dos seus itinerarios académicos e profesionais. Neste sentido, destacou a necesidade de transmitir unha imaxe actualizada da actividade pesqueira, amosando as súas posibilidades de emprego, a súa evolución tecnolóxica e o seu papel estratéxico para a economía e as comunidades costeiras de Galicia.

O programa Dálle mar ao teu futuro, integrado no proxecto Sinerxía da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, tamén procura mellorar a percepción social do sector, promover a igualdade de oportunidades e a presenza feminina e reforzar o vínculo da mocidade co territorio e coa cultura marítima galega.

O programa comezará este ano con dúas experiencias piloto e ampliarase ao longo de 2027 con outras doce actividades. A previsión é chegar, como mínimo, a 14 centros educativos e máis de 300 estudantes, achegándolles, de primeira man, profesións e itinerarios formativos relacionados coa pesca e presentando o sector como unha opción de futuro vinculada ao emprego, á innovación e á sustentabilidade.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 24/09/2026