A Xunta apoia a modernización dos servizos á frota de Burela co novo sistema automatizado de xeo

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou as instalacións de Armadores de Burela S.A. (ABSA) e coñeceu de preto o novo sistema, que dá servizo a máis de 300 embarcacións

A actuación contou cunha axuda de 250.000 € da Xunta a través do GALP A Mariña-Ortegal e permitirá mellorar a eficiencia e reducir os tempos de espera nas operacións de carga de xeo

Burela (Lugo), 25 de setembro de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou hoxe en Burela o novo sistema automatizado de subministración de xeo a embarcacións promovido por Armadores de Burela S.A. (ABSA), onde salientou a importancia de avanzar na modernización dos servizos que emprega diariamente a frota para mellorar a súa competitividade e facilitar a actividade dos profesionais do mar.

A titular de Mar, acompañada polo presidente de ABSA, Abelardo Basanta, e polo xerente da entidade, Miguel Neira, coñeceu o funcionamento desta nova infraestrutura, que permitiu adaptar e modernizar as instalacións existentes da fábrica de xeo para implantar unha liña automatizada de distribución directamente ata o peirao de atraque.

A actuación supuxo un investimento total de 422.618 €, dos que 250.000 € corresponden á axuda concedida no marco da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo do GALP A Mariña-Ortegal. O novo sistema incorpora, entre outros elementos, unha báscula de pesaxe en continuo, cintas transportadoras, estruturas de soporte e sistemas de automatización e control.

Villaverde puxo en valor que este tipo de investimentos permiten dotar os portos e ás súas empresas de servizos máis áxiles e eficientes, reducindo os tempos de espera das embarcacións, incrementando a seguridade das operacións e optimizando o consumo enerxético. A nova infraestrutura garante ademais un subministro continuo e fiable de xeo a máis de 300 buques que operan no porto de Burela, dos que aproximadamente 200 son embarcacións de baixura.

Neste sentido, a conselleira destacou o papel dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) como ferramenta para canalizar investimentos adaptados ás necesidades concretas dos territorios costeiros e impulsar proxectos que repercuten directamente na actividade económica, na sustentabilidade e na competitividade do sector.

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 25/09/2026