Belén do Campo participa na presentación do autobús solidario da Fundación Mapfre, única parada en Galicia, para sensibilizar sobre as enfermidades raras da man de Fegerec
A delegada da Xunta animou á cidadanía da Coruña a achegarse durante estes dous días ao Parrote para coñecer a campaña e o labor das entidades que traballan no ámbito da discapacidade e das enfermidades raras.
A Coruña, 28 de setembro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto a directora territorial da Consellería de Sanidade, Cristina Pérez, participaron hoxe no acto de presentación do autobús solidario da Fundación Mapfre “Cambia o Filtro”, unha iniciativa que ten como obxectivo sensibilizar á cidadanía sobre a realidade das persoas con discapacidade intelectual e con enfermidades raras e contribuír a derrubar prexuízos e eliminar barreiras.
Durante a súa intervención, Belén do Campo agradeceu á Fundación a posta en marcha desta campaña e destacou a importancia de “cambiar a mirada” coa que a sociedade se achega ás persoas con discapacidade intelectual e ás persoas con enfermidades raras. Neste sentido, sinalou que detrás dunha discapacidade ou dunha enfermidade rara hai “unha persoa, con capacidades, proxectos, dereitos e moito que achegar á sociedade”.
A representante do Goberno autonómico valorou especialmente que A Coruña sexa a única parada en Galicia deste autobús solidario, que permanecerá durante dous días, hoxe Parrote e mañá martes na zona de Catro Camiños, onde a cidadanía poderá acceder de maneira gratuíta á unidade móbil, coñecer historias reais e achegarse ao traballo que desenvolven as entidades sociais que acompañan as persoas e as súas familias.
Do Campo destacou tamén a boa elección de Fegerec como entidade colaboradora poñendo en valor o traballo que desenvolve desde A Coruña e os seus distintos puntos de atención na comunidade. Salientou que a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas leva anos acompañando as persoas con enfermidades raras e as súas familias, ofrecendo atención sociosanitaria, apoio, orientación e diferentes servizos de rehabilitación e intervención.
A representante do Goberno galego referiuse tamén á posta en marcha, hai uns meses, do novo centro de atención integral de FEGEREC na Coruña, nun espazo cedido pola Xunta de Galicia, que permite á entidade ampliar e mellorar a atención ás persoas con enfermidades raras e ás súas familias.
Neste contexto, explicou que o Goberno galego “estará sempre ao lado de FEGEREC e das entidades que traballan por unha sociedade máis inclusiva”. Así, lembrou que no ano 2026 a Consellería de Política Social mantén un convenio de máis de 33.000 euros con Fegerec e que a entidade conta tamén con 263.000 euros a través das axudas do 0,7 % do IRPF.
A estas actuacións súmase o apoio da Consellería de Sanidade, que mantén con Fegerec un convenio de 250.000 euros para impulsar un proxecto pioneiro de rehabilitación funcional domiciliaria dirixido a pacientes pediátricos con enfermidades raras. Está previsto que ao longo deste ano o programa beneficie a arredor de 100 pacientes, ofrecéndolles unha atención máis personalizada e adaptada ás súas necesidades directamente nos seus domicilios.
Belén do Campo subliñou que estes apoios son un exemplo de como a colaboración entre a Administración autonómica e as entidades sociais permite avanzar cara a modelos de atención “máis próximos, máis individualizados e centrados nas necesidades concretas de cada persoa e de cada familia”.
A delegada puxo o foco na importancia de que a inclusión vaia máis aló das declaracións de intencións e se traslade aos centros educativos, ás empresas, ás administracións, aos espazos públicos e á vida cotiá.
Por último, felicitou á Fundación Mapfre e a Fegerec por esta iniciativa e animou á cidadanía da Coruña a achegarse durante estes dous días ao Parrote e á zona de Catro Camiños para coñecer a campaña e o labor das entidades que traballan no ámbito da discapacidade e das enfermidades raras.