A Xunta financia un novo vehículo adaptado para reforzar o servizo de transporte do centro de Agadea Alzhéimer en Ribeira
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, comprobou as prestacións da dotación, financiada polo Goberno galego con preto de 49.000 euros
Agadea Alzhéimer foi unha das 12 beneficiarias da última convocatoria da liña de axudas específicas ao transporte para entidades sociais, dotada con 500.000 euros
Ribeira (A Coruña), 28 de setembro de 2026
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, comprobou hoxe as prestacións do vehículo adaptado adquirido pola Asociación galega de axuda aos enfermos con demencia tipo alzhéimer (Agadea Alzhéimer) a través da convocatoria da Xunta para facilitar o transporte de persoas dependentes ou con discapacidade. O Goberno galego financiou con case 49.000 euros a adquisición para reforzar o servizo de transporte a persoas dependentes usuarias do Centro de Atención diúrno específico de Alzhéimer en Ribeira.
Segundo explicou a directora xeral, o financiamento enmárcase na liña de apoio a entidades de iniciativa social para a adquisición de vehículos adaptados, dotada con 500.000 euros e resolta o pasado agosto. A través desta medida, a Xunta concedeu 12 axudas, que permitiron financiar ata o 100% do investimento subvencionable, cun límite máximo de 50.000 euros por vehículo.
A liña está destinada á compra de vehículos novos adaptados para persoas con mobilidade reducida, que deben contar coas adaptacións técnicas necesarias para garantir a accesibilidade, seguridade e comodidade das persoas usuarias. Os vehículos poden destinarse, entre outros usos, ao transporte escolar, á asistencia a centros de día ou aos desprazamentos para tratamentos de rehabilitación e servizos similares.
Judit Fontela apuntou que esta iniciativa se enmarca nun ámbito de actuación prioritario para a Xunta, orientado á mellora da mobilidade no eido dos servizos sociais, ao tempo que se fomenta unha mudanza cara a modelos de transporte máis sostibles desde o punto de vista ambiental. Contribúese así á redución do impacto sobre a contorna natural e á mellora da calidade de vida das persoas dependentes e con discapacidade, tanto a nivel individual como colectivo. Nesta liña, as axudas subvencionan vehículos de emisión cero, tipo eco ou etiqueta C.
Outras medidas de apoio
Esta liña de axudas súmase a outras medidas da Xunta para facilitar a mobilidade das persoas con necesidades especiais. No ámbito do taxi, o Goberno galego apoia a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida con contías de ata 10.000 euros, unha medida que permitiu financiar na última convocatoria a compra de 31 vehículos.
Ademais, a Xunta facilita o transporte escolar adaptado ao alumnado de 17 entidades especializadas na atención á diversidade. Neste curso 2025-2026 destina máis de 1,9 millóns de euros para colaborar con entidades sen ánimo de lucro e centros especiais de emprego no desprazamento de alumnado con distintos tipos de discapacidade.