O presidente da Xunta participou no acto de inauguración do XI Congreso Internacional de Transparencia e Goberno Aberto na Facultade de Dereito da USC

Rueda destaca a transparencia como un exercicio de respecto á cidadanía e de rendición de contas das institucións

Subliña que a información pública pertence aos cidadáns e lembra iniciativas recentes como o acceso ao custo real das prestacións sanitarias na aplicación Sergas Móbil ou a creación do Rexistro do Litoral

O Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta acadou no último ano o seu récord de visitas desde a súa creación en 2016, superando os 2,7 millóns de accesos

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a transparencia nas administracións públicas non debe entenderse como un mero trámite legal, senón como un exercicio de respecto cara á cidadanía e como unha obriga para render contas con rigor e honestidade.

Así o asegurou durante o acto de inauguración do XI Congreso Internacional de Transparencia e Goberno Aberto, celebrado na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela coincidindo co Día Internacional do Dereito a Saber. No acto, o titular do Executivo galego salientou que a información pública pertence aos cidadáns e defendeu unha transparencia útil e accesible, incidindo na necesidade de transmitir a información á cidadanía dun xeito “entendible e accesible”.

Nesta liña, o presidente defendeu que a transparencia é “cuestión de vontade política e de respecto á cidadanía” e puxo como exemplo medidas recentes postas en marcha pola Xunta para achegar esta información á sociedade, como a posibilidade de que os usuarios consulten a través da aplicación Sergas Móbil o custo real das consultas, probas ou medicamentos que reciben na sanidade pública. Así mesmo, fixo referencia ao paso dado esta mesma mañá no Consello da Xunta para a creación dun Rexistro do Litoral, un instrumento que permitirá á cidadanía coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega.

Estas iniciativas súmanse ao traballo continuo no Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta, que no último ano acadou o seu récord de visitas desde a súa creación en 2016, superando os 2,7 millóns de accesos. O titular da Xunta lembrou que este espazo inclúe un portal específico de participación cidadá e remarcou o compromiso da Administración autonómica por adaptar a linguaxe dos contidos para garantir que sexan plenamente comprensibles para a poboación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/09/2026