Villaverde reivindica a innovación e a transferencia de coñecemento como motores para reforzar o futuro do sector do mar

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou no Grove a XXVIII edición de ForoAcui, que reúne máis de 200 especialistas e aborda cuestións como a intelixencia artificial, o cambio climático, a acuicultura, o marisqueo e a pesca de baixura

O Grove (Pontevedra), 1 de outubro de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou hoxe a aposta da Xunta pola innovación, a investigación aplicada e a transferencia de coñecemento como ferramentas fundamentais para reforzar a competitividade e a sustentabilidade do complexo mar-industria galego. Fíxoo durante a inauguración da XXVIII edición do Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas (ForoAcui), que se celebra hoxe e mañá no Grove e reúne máis de 200 especialistas, profesionais e investigadores.

Villaverde puxo en valor o ecosistema científico galego vencellado ao mar, no que se integran centros como Intecmar, Cetmar, o Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA) e o Igafa, xunto coas tres universidades públicas galegas e os centros do CSIC. Neste sentido, salientou a importancia de conectar este coñecemento coas empresas e profesionais para trasladar os avances científicos á actividade produtiva.

A titular de Mar incidiu especialmente nas posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para mellorar o coñecemento e a xestión dos recursos mariños. “A dixitalización pasou de ser o futuro a ser xa o presente”, afirmou, destacando que a monitorización das rías en tempo real, a predición de variables ambientais e a análise dos datos permiten avanzar cara a unha produción máis competitiva e sostible.

Neste ámbito, lembrou iniciativas impulsadas pola Xunta como o Observatorio Costeiro de Galicia, a Plataforma Tecnolóxica da Pesca ou Lonxas Galegas 4.0. A elas súmase MaruxIA, un proxecto pioneiro de intelixencia artificial que permitirá crear un xemelgo dixital da ría de Arousa para replicar as súas condicións naturais, cruzar datos ambientais en tempo real e predicir o comportamento dos recursos co obxectivo de apoiar unha xestión máis eficaz e baseada no coñecemento científico.

A conselleira contextualizou este esforzo nun sector no que Galicia mantén unha posición de referencia. En 2025, a acuicultura mariña galega alcanzou as 189.251 toneladas e un valor de 243,39 M€, cun protagonismo destacado do mexillón, do que se produciron 177.638 toneladas. Ademais, Galicia concentra arredor do 68 % do emprego da acuicultura mariña de España e conta con preto de 4.715 instalacións activas, o 91,2 % do total estatal.

Villaverde tamén defendeu a necesidade de garantir financiamento comunitario suficiente para continuar impulsando a modernización do sector. Neste sentido, reiterou a posición de Galicia a favor dun fondo europeo forte e específico cun mínimo de 7.290 M€ e dunha futura Política Pesqueira Común que recoñeza adecuadamente o papel da acuicultura e preste unha atención especial a segmentos sensibles como o marisqueo e a pesca de baixura.

Precisamente, estes ámbitos forman parte dun programa de ForoAcui que nesta edición incorpora cuestións como a aplicación práctica da intelixencia artificial e a Internet das Cousas, a adaptación da acuicultura ao cambio climático, a economía azul e as redes de colaboración, ademais das tradicionais mesas de investigación, acuicultura, empresa, pesca de baixura e marisqueo.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 01/10/2026