Preto do 70% das empresas tecnolóxicas galegas emprega a intelixencia artificial ou incorpóraa aos seus produtos e servizos

O uso da IA crece case un 76% nun ano e é a tecnoloxía disruptiva más estendida no sector TIC galego, seguida do Business Inteligence presente en máis do 52 % destas empresas  

A Internet das Cousas acada o 38,1 %, o Big Data o 36,6 % e a robótica é a que rexistra o maior crecemento, máis dun 83,1 %, ata chegar ao 11,9 % das empresas TIC

Nas empresas con 10 ou máis traballadores, o uso da IA roza o 80 % e o do Big Data acada o 60 %

O 66,5 % das empresas con especialistas TIC sinala a intelixencia artificial como unha prioridade formativa, 7,4 puntos máis que en 2024

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2026

As empresas do sector TIC galego aceleran a incorporación de tecnoloxías disruptivas. A intelixencia artificial lidera este avance e gaña presenza tanto na actividade empresarial como nas necesidades de contratación e formación, nun contexto no que medran as dez tecnoloxías analizadas no informe: Galicia Dixital. Tecnoloxías Disruptivas nas empresas TIC de Galicia. Edición 2025, publicado hoxe.

O documento, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), sinala que en 2025, o 67,4 % das empresas TIC galegas utiliza intelixencia artificial ou incorpóraa aos seus produtos e servizos. Este indicador creceu un   76 % nun ano e multiplicouse por tres desde 2021, tanto no seu uso como na comercialización.

Entre as empresas que empregan IA, o procesamento da linguaxe natural é a tecnoloxía máis estendida, cun 75,1 %, e a aprendizaxe automática para a análise de datos chega ao 46,1 %. Os usos concéntranse nos procesos de produción (65,3 %), no marketing ou nas vendas (42,1 %) e nas actividades de I+D e innovación (38,9 %).

As dez tecnoloxías avanzan

A evolución é positiva nas dez tecnoloxías analizadas no informe. O Business Intelligence consolídase como a segunda máis estendida, presente xa nun 52,4 % das empresas e un avance anual de 3,8 puntos. A Internet das Cousas chega ao 38,1 %, 1,5 puntos máis que no ano anterior, mentres o Big Data aumenta 1,6 puntos e acada o 36,6 %.

A robótica rexistra o maior avance relativo cun crecemento do 83,1 % e alcanza o 11,9 %, Entre as empresas usuarias, o 47,5 % combina robots industriais e de servizos.

Os chatbots experimentan tamén un forte impulso e chegan ao 48,8 % das empresas TIC, 12,4 puntos máis que en 2024. As tecnoloxías de telepresenza, realidade virtual, procesamento de imaxes e hologramas avanzan 5 puntos e alcanzan o 30,5 % do tecido empresarial tecnolóxico.

O blockchain sitúase no 45,8 %, cun incremento anual de 5,6 puntos. Os xemelgos dixitais e a simulación chegan ao 28,4 %, 5,8 puntos máis, e a impresión 3D acada o 31,9 %, cun avance de 5,4 puntos.

Maior adopción nas empresas de máis tamaño

O tamaño empresarial marca diferenzas na implantación dalgunhas tecnoloxías. A intelixencia artificial alcanza o 79,3 % nas empresas con 10 ou máis traballadores, 15,6 puntos por riba das de menor dimensión. No Big Data a diferenza é máis ampla: utilízano o 60 % das empresas de maior tamaño fronte ao 29,3 % das que teñen ata nove persoas traballadoras.

A Internet das Cousas tamén presenta unha maior implantación nas empresas con 10 ou máis traballadores, cun 56,9 %, fronte ao 32,2 % nas de menor tamaño. Nese segmento empresarial, os chatbots chegan ao 55,1 % e o blockchain ao 51,1 %.

Talento

O avance destas tecnoloxías acompáñase dunha maior demanda de talento. A intelixencia artificial consolídase como a segunda área na que as empresas contrataron ou prevén contratar especialistas TIC, cun 28,8 %. Ademais, é a principal prioridade formativa para as empresas con especialistas TIC: o 66,5 % mostra interese nesta área, 7,4 puntos máis que en 2024.

Os datos do informe poden consultarse en www.osimga.gal.

Data de actualización: 04/10/2026