Villaverde destaca a aposta pola modernización e a innovación como claves para reforzar a competitividade da cadea mar-industria galega
A conselleira do Mar participou en Vilanova de Arousa na inauguración da ampliación das instalacións de Mariscos Gilmar
A compañía conta con dúas axudas da Xunta por máis de 771.000 € para actuacións de modernización que mobilizan máis de 1,6 millóns de euros
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 3 de outubro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou hoxe a aposta polo investimento, a innovación e a modernización do tecido empresarial como elementos fundamentais para seguir reforzando a competitividade da cadea mar-industria galega. Fíxoo durante a inauguración da ampliación das instalacións de Mariscos Gilmar, en Vilanova de Arousa.
Villaverde puxo en valor o crecemento dunha compañía con máis de catro décadas de traxectoria, especializada na transformación e comercialización de polbo e cunha importante presenza internacional. Neste sentido, salientou a relevancia de contar cunha industria transformadora capaz de incorporar tecnoloxía, mellorar os seus procesos produtivos e avanzar na apertura de novos mercados, contribuíndo así a incrementar o valor engadido dos produtos do mar.
A titular de Mar incidiu tamén no compromiso da Xunta por acompañar os investimentos empresariais dirixidos a mellorar a capacidade produtiva, avanzar na eficiencia dos procesos e reforzar a calidade e a seguridade alimentaria. O obxectivo é favorecer que o tecido empresarial galego poida seguir modernizándose e adaptándose ás esixencias dun mercado cada vez máis competitivo.
Neste marco, Mariscos Gilmar resultou beneficiaria dunha axuda de 547.587 euros, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), para o proxecto de mellora da nave industrial e optimización do seu proceso produtivo. A actuación supuxo un investimento total superior aos 1,16 millóns de euros e permitiu avanzar na adaptación e modernización das súas infraestruturas.
A empresa conta, ademais, con outra axuda concedida este ano por importe de 223.803 euros para un investimento de 447.606 euros destinado a melloras complementarias na súa liña de transformación. Entre as actuacións previstas figuran medidas de eficiencia ambiental, melloras nas condicións de seguridade e hixiene, novos sistemas de control dos procesos produtivos e investimentos na organización e xestión das instalacións.
En conxunto, estas dúas operacións supoñen máis de 771.000 euros de apoio público para actuacións que mobilizan máis de 1,6 millóns de euros. Este respaldo enmárcase na política da Xunta de apoio á modernización, á sustentabilidade e á mellora da competitividade da cadea mar-industria galega.