O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación da 31ª edición do festival
Galicreques reunirá en Santiago unhas 50 funcións de compañías e artistas de nove países co apoio da Xunta
A cita, organizada pola Asociación Barriga Verde, desenvolverase do 10 ao 18 de outubro cunha programación internacional que se estenderá por 16 espazos da cidade
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achega 37.210 euros ao certame a través da liña de subvencións a festivais profesionais de artes escénicas
O titiriteiro indio Dadi Pudumjee recibirá o Premio Galicreques 2026 e ofrecerá unha clase maxistral, mentres que a presenza galega inclúe seis propostas e a estrea de Vila, de Marcos PTT
Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2026
O Festival Internacional Galicreques celebrará do 10 ao 18 de outubro a súa 31ª edición cun cartel que inclúe unhas 50 funcións a cargo de compañías e artistas procedentes de nove países. A cita, organizada pola Asociación Barriga Verde, conta un ano máis co apoio da Xunta de Galicia, que lle achega 37.210 euros a través da convocatoria de subvencións a festivais profesionais de artes escénicas.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación da programación, onde salientou a consolidación de Galicreques como unha cita de referencia para o teatro de monicreques, capaz de conectar a creación galega con compañías e profesionais de distintos países.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua destacou que o apoio ao festival se enmarca na liña de axudas da Xunta de Galicia para festivais profesionais de artes escénicas, que en 2026 distribúe 290.000 euros entre 13 citas especializadas en teatro, monicreques, circo, danza, improvisación e monólogos.
Un cartel de nove países
A dimensión internacional volverá ser un dos principais eixos desta edición. Ademais das compañías galegas e doutras Comunidades, o programa contará con formacións chegadas de Chile, O Uruguai, Italia, O Brasil, A Arxentina, Colombia, O Salvador e India.
Entre elas figuran Vagabundo Títeres, de Chile; Coriolis, do Uruguai; Ocelot Teatro, do Salvador; Títeres en Vuelo, Manu Mansilla, Los Pompas e El Telón, da Arxentina; La Libélula Dorada e La Pepa del Mamoncillo, de Colombia; e Habib e Valeria, do Brasil. Desde diferentes comunidades autónomas chegarán tamén Teatro Arbolé, Zorro Gallego, La Gotera de Lazotea, La Tartana, Teatro La Estrella e La Carreta.
Unha das figuras centrais desta edición será o titiriteiro indio Dadi Pudumjee, unha referencia mundial do teatro de monicreques contemporáneo que ofrecerá unha clase maxistral o domingo 18 e recibirá ese mesmo día o Premio Galicreques 2026, co que o festival recoñece a súa traxectoria artística e o seu labor a prol da expansión desta linguaxe escénica.
A programación formativa terá tamén dimensión internacional coa compañía italiana Zaches Teatro, que impartirá os días 15 e 16 o curso L'arte della maschera, centrado na arte da máscara.
Presenza galega e outras líñeas de programación
Galicreques contará con seis propostas galegas: Espagueti Títeres, Mircromina Títeres, Teatro Escena, Uxía Algarra, Títeres Alakrán e Marcos PTT. Este último estreará, o 17 de outubro no Salón Teatro, Vila, unha investigación escénica arredor dos lugares que habitamos e da relación das sociedades co territorio.
O festival combinará funcións para público xeral e escolar, actividades de rúa e propostas formativas nunha programación repartida por 16 espazos de Santiago, coa Alameda e o Teatro Principal como principais núcleos.
Entre as novidades figura CaraBé, unha liña específica dedicada á vertente adulta do teatro de monicreques, con propostas galegas e internacionais e un cabaré o sábado 17. A programación complétase coa exposición Marionetas do Mundo, de Títeres Cachirulo, que poderá visitarse ata o 29 de outubro na Biblioteca Ánxel Casal.