Fabiola García recibe aos primeiros usuarios da nova residencia pública autonómica de Ferrol
A conselleira de Política Social e Igualdade, que estivo acompañada do alcalde da cidade, reitera o agradecemento da Xunta á Fundación Amancio Ortega
Ferrol, 7 de outubro de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá aos primeiros usuarios da residencia pública de maiores construída e financiada pola Fundación Amancio Ortega en Ferrol e cedida á Xunta. O centro, que conta con 120 prazas públicas, abriu as súas portas recentemente e irá completando a súa capacidade nas próximas semanas, seguindo o proceso de adaptación dos residentes.
Neste momento, son cinco persoas as que xa residen neste centro, todas elas de Ferrol e a súa contorna. A primeira residente que estreou as instalacións chámase Carmen e é natural da cidade.
Na visita, Fabiola García explicou que esta residencia é a quinta en funcionamento das sete proxectadas pola Fundación Amancio Ortega nas sete cidades galegas. Así, sinalou que están a pleno rendemento os recursos de Lugo, Santiago, Pontevedra e Coruña, aos que se suma agora o de Ferrol. Por último, reiterou o agradecemento do Goberno galego á Fundación Amancio Ortega “pola súa implicación e compromiso no ámbito social, especialmente coa atención ás persoas maiores”.