A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade
A Xunta e o Concello do Porto do Son analizan medidas para mellorar e reforzar a garantía do abastecemento de auga na localidade
Ángeles Vázquez lembra que Augas de Galicia convoca anualmente varias liñas de axudas para acometer actuacións hidráulicas que contribúan a mellorar estas redes
Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde do Porto do Son, José Luis Oujo, analizaron medidas para mellorar e reforzar a garantía do abastecemento de auga no municipio durante unha reunión que mantiveron esta mañá.
A conselleira fixo fincapé en que un dos eixos fundamentais para garantir un servizo de calidade á cidadanía é evitar as fugas de auga e, nese senso, puxo en valor que O Porto do Son sexa un dos concellos que xa realizou unha auditoría da súa rede de abastecemento para coñecer o seu estado real, identificar as deficiencias e determinar as accións a acometer para solucionalas.
Nesa liña, Ángeles Vázquez lembrou que, no marco da cooperación que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático mantén cos concellos para apoialos no exercicio das súas competencias nesa materia, Augas de Galicia convoca anualmente varias liñas de axudas para acometer actuacións hidráulicas que contribúan a mellorar as redes de abastecemento. De feito, a conselleira animou ao alcalde a solicitar as axudas dirixidas a concellos para a execución de actuacións para minimizar as perdas de auga.
Pola súa banda, o alcalde expuxo os proxectos nos que o Concello está a traballar para mellorar o servizo, tanto no relativo ao reforzo das captacións como á modernización dos sistemas de bombeo e das estacións de tratamento de auga potable e á dixitalización das instalacións. Así mesmo, trasladou distintas propostas encamiñadas a incrementar a garantía do abastecemento, especialmente ante episodios de seca ou escaseza.
Así mesmo, Ángeles Vázquez tamén informou ao alcalde das medidas que está desenvolvendo o Goberno galego para incrementar a garantía do abastecemento, especialmente ante episodios de seca ou escaseza, como a exploración do potencial das augas subterráneas ou a análise dos sistemas supramunicipais para determinar se é convinte reforzalos ou crear novas interconexións que permitan prestar apoio neses casos.