A Xunta reafirma en Conxemar o apoio á cadea mar-industria e o diálogo co tecido empresarial e os axentes do sector

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, percorreu os espazos das empresas galegas presentes na feira

Tamén se reuniu co presidente de Cajamar para analizar posibles vías de colaboración que favorezan a modernización e a competitividade do sector

A axenda completouse cunha reunión coa Cámara Arxentina Patagónica de Industrias Pesqueiras (CAPIP), na que se abordaron a situación do caladoiro do Atlántico Suroccidental e as relacións comerciais entre Galicia e Arxentina

Vigo, 8 de outubro de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, realizou hoxe un percorrido polas empresas galegas presentes na XXI Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados, Conxemar 2026, onde reafirmou a importancia estratéxica da cadea mar-industria para a economía, o emprego e o desenvolvemento das comunidades costeiras galegas.

Durante a visita, a titular de Mar tivo ocasión de conversar cos representantes de diferentes empresas do sector, coñecer de primeira man a súa actividade e escoitar as principais necesidades, preocupacións e desafíos aos que se enfrontan. Neste sentido, Villaverde quixo identificar as demandas desta actividade fundamental para Galicia.

A conselleira salientou o papel da cadea mar-industria como motor económico e social da comunidade, tanto pola súa capacidade para xerar riqueza e emprego como pola súa contribución ao mantemento da actividade nas vilas e concellos costeiros. Así mesmo, incidiu na importancia de que sigan avanzando na modernización, a innovación e a competitividade do sector para consolidar a súa posición nos mercados nacionais e internacionais.

Colaboración con Cajamar

No marco da súa axenda en Conxemar, a conselleira do Mar mantivo tamén unha reunión co presidente do Consello Reitor de Cajamar Caja Rural, Eduardo Baamonde, na que ambas as partes intercambiaron impresións sobre os principais retos do sector pesqueiro e analizaron posibles vías de colaboración para favorecer a súa modernización e competitividade.

Durante o encontro, celebrado no posto institucional da Xunta, Villaverde falou da importancia de sumar a iniciativa privada aos esforzos da Administración autonómica para facilitar investimentos, impulsar a innovación e avanzar cara a unha cadea mar-industria cada vez máis eficiente e sostible.

Neste sentido, abordáronse os posibles puntos de encontro entre as políticas da Consellería do Mar e a estratexia de Cajamar para o sector primario galego. A entidade financeira conta con oficinas especializadas en Vigo e Vilagarcía de Arousa e orienta parte da súa actividade ao apoio financeiro e técnico a empresas armadoras, confrarías e industria transformadora.

Relacións comerciais coa Patagonia arxentina

A axenda da conselleira completouse cun encontro co presidente da Cámara Arxentina Patagónica de Industrias Pesqueiras (CAPIP), Agustín de la Fuente, que convidou a Villaverde a coñecer de preto o sector pesqueiro patagónico. O encontro permitiu abordar as relacións comerciais entre Galicia e Arxentina, xa que a comunidade galega canaliza máis do 80 % do volume e do valor das importacións pesqueiras procedentes deste país que chegan a España, cun especial protagonismo do lagostino salvaxe e da pescada hubbsi para a industria transformadora.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/10/2026