A Xunta de Galicia estrea ‘Dolce far niente’ este domingo no Salón Teatro coas entradas esgotadas

A traxicomedia escrita e dirixida por Lucía Satta poderá verse este domingo 11 de outubro nunha función para a que xa non quedan localidades dispoñibles

A montaxe, coproducida polo Centro Dramático Galego e Desattada co apoio de Nononon.lab, aborda a precariedade laboral a partir do universo cotián dunha pizzería

O colectivo participou este ano na Academia da Unión de Teatros de Europa, cun programa de formación e creación desenvolvido en Roma, Praga, Sofía e Tesalónica

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2026

A Xunta de Galicia estreará este domingo, 11 de outubro, no Salón Teatro Dolce far niente, a nova coprodución do Centro Dramático Galego e o colectivo Desattada, co apoio de Nononon.lab. A montaxe chegará ao escenario da compañía pública da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coas entradas xa esgotadas para a súa única función, prevista ás 18,00 horas.

Escrita e dirixida por Lucía Satta e interpretada por Jorge Destar e Ana Oca, Dolce far niente é unha traxicomedia que toma como punto de partida o traballo nunha pizzería para achegarse á precariedade laboral, á identidade e á dificultade de manter os compromisos persoais nun contexto cambiante. O espectáculo constrúe o seu universo escénico a partir dos sons, ritmos e accións cotiás dunha cociña e segue simbolicamente a viaxe dunha pizza ata chegar á mesa.

A estrea intégrase na temporada 2026-2027 do Centro Dramático Galego, na que Dolce far niente forma parte da ducia de espectáculos desenvolvidos en colaboración con compañías e entidades galegas, estatais e internacionais.

Do Xuventude Crea á UTE Academy

O espectáculo culmina un proceso de desenvolvemento que pasou por diferentes programas de apoio á nova creación. O proxecto foi presentado no CDGLab 2025, obtivo o primeiro premio da modalidade Teatro PRO do Xuventude Crea 2025 e desenvolveuse tamén ao abeiro das residencias DescArtes da Cidade da Cultura de Galicia.

A este percorrido sumouse este ano a participación de Desattada na Academia da Unión de Teatros de Europa, unha experiencia internacional de formación e creación na que o colectivo compartiu traballo con mozos e mozas de sete países durante estadías en Roma, Praga, Sofía e Tesalónica. O programa estivo coordinado por Nuno Cardoso e contou coa participación de profesionais como Luca de Fusco, Carme Portaceli ou Florian Hirsch.

A etapa final da Academia tivo lugar en Tesalónica, onde o colectivo presentou unha mostra escénica resultado do proceso desenvolvido ao longo das diferentes estadías. Esta experiencia reforza a dimensión internacional dun proxecto que chega agora á súa estrea no Salón Teatro tras un itinerario ligado á formación, á creación emerxente e á conexión con redes europeas.

Data de actualización: 10/10/2026