Gardacostas de Galicia estrease no desfile do Día da Festa Nacional en Madrid
O servizo autonómico, único das súas características en España, intégrase no chanzo motorizado de organismos públicos cun despregamento de catro vehículos representativos dos seus medios operativos terrestres e marítimos
Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2026
O Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar e único en España coas súas características, participará mañá en Madrid no desfile conmemorativo do Día da Festa Nacional, integrándose por primeira vez no chanzo motorizado de organismos públicos xunto a outras entidades civís de emerxencias coma Salvamento Marítimo do Estado. A delegación da Consellería do Mar estará encabezada pola conselleira, Marta Villaverde, acompañada polo subdirector xeral de Gardacostas, Juan Carlos Codesido, xunto a mandos e axentes operativos do corpo.
A presenza de Gardacostas amosará unha representación dos medios técnicos e loxísticos que o servizo emprega a diario nas tarefas de vixilancia, inspección pesqueira, salvamento e loita contra a contaminación nas costas e rías galegas. Así, o convoi terrestre de Gardacostas que desfilará por Madrid estará encabezado por un vehículo todoterreo tipo pick-up con mandos do departamento autonómico. A continuación marchará unha segunda unidade dotada cun remolque con material específico de resposta anticontaminación —como un sistema de recuperación skimmer e barreiras de contención para o seu despregamento rápido en zonas portuarias ou interiores—, tripulada por dous axentes dos servizos centrais do corpo.
A comitiva complétase cun terceiro todoterreo con remolque que transporta unha lancha auxiliar de rescate rápido tipo Weedo. Trátase dunha embarcación insubmersible e de alta manobrabilidade dotada de propulsión por hidroxect para operativos urxentes de salvamento e vixilancia marítima, na que viaxarán dous axentes destinados habitualmente nos buques multipropósito. Pechando a formación situarase un camión góndola de gran tonelaxe que traslada a patrulleira de vixilancia e inspección pesqueira Punta Insua. Esta embarcación de 18 metros de eslora, preparada tamén para tarefas de apoio e primeira intervención en emerxencias no mar, coa súa dotación habitual a bordo.
Gardacostas de Galicia é a estrutura autonómica encargada da salvagarda dos recursos mariños, a ordenación pesqueira e a seguridade marítima no litoral da comunidade, colaborando de xeito coordinado cos diferentes corpos de seguridade e administracións no marco dos protocolos de emerxencias e resposta ambiental.