O director da Axencia Galega das Industrias Culturais participou nos Cantones Cines da Coruña na presentación desta cita, que se celebra do 13 ao 17 de outubro

A Xunta colabora co festival ‘Intersección’ nunha edición que reforza a proxección internacional do audiovisual galego

A sección Internacional reúne 27 filmes de 22 países, con catro estreas mundiais, 17 españolas e cinco galegas

Máis dun centenar de profesionais participarán nas actividades, que amplía a súa área de industria

A Coruña, 9 de outubro de 2026

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe, en representación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, na presentación da novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines, co que colabora a Xunta de Galicia e que este ano reforza a proxección internacional do audiovisual galego.

O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea.

En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.

Pola súa banda, Galicia ofrece unha selección de ficción, documental, animación e experimentación con obras como Uttervøid, de Blanca Rego; Moon Safari, de Hugo Amoedo; El Cuerpo de Cristo, de Bea Lema; Fun abalar a pedra que está no medio do mar, de Breogán Xague e Avisa cando chegues, de Ángela Andrada. Fulgor reúne 14 filmes de produción española asinados, en boa medida, por artistas e cineastas que están a iniciar a súa traxectoria profesional.

Encontro profesional e novas linguaxes

A programación inclúe focos dedicados a Square Eyes e Eva Giolo, así como as exposicións Órbita galega e Fulgor na Fundación Luis Seoane. NEXUS, a área de industria, reforza os seus espazos de encontro entre cineastas, produtoras, distribuidoras, exhibidoras e responsables de programación coa participación de máis dun centenar de profesionais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/10/2026