Belén do Campo anuncia o incio das obras de mellora dun viario entre Frades e Oroso que contan cun apoio da Xunta de 50.000€

A actuación, promovida conxuntamente polos dous concellos, permitirá mellorar o estado do firme dunha vía de titularidade municipal que dá servizo á veciñanza de ambos os municipios e comunica as parroquias de San Román de Pasarelos en Oroso co núcleo de Fontelo na parroquia de Aiazo no concello de Frades.

Oroso/Frades (A Coruña), 13 de outubro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto aos alcaldes de Oroso e Frades, Alex Doval e Roberto Rey, anunciou o inicio das obras os traballos de acondicionamento da estrada municipal entre O Fontelo, en Frades e  San Román de Pasarelos, en Oroso, que permitirán mellorar a seguridade viaria e facilitar os desprazamentos da veciñanza.

Esta actuación conta cun apoio da Xunta de case 50.000 euros e cun investimento total de case 100.000 euros, a través da orde  infraestruturas de uso público deste ano 2026 da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que está  destinada a localidades de menos de 30.000 habitantes.

A actuación, promovida conxuntamente polos dous concellos, permitirá mellorar o estado do firme dunha vía de titularidade municipal que dá servizo á veciñanza de ambos os municipios a estrada comunica as parroquias de de San Román de Pasarelos en Oroso con núcleo de Fontelo na parroquia de Aiazo no concello de Frades.

Belén do Campo destacou a importancia deste tipo de intervencións para mellorar as infraestruturas viarias municipais, reforzar a seguridade dos desprazamentos e contribuír á calidade de vida da poboación do rural, especialmente das persoas maiores.

Os traballos contemplan a renovación da capa de rodaxe en dous tramos do viario de preto de 2 quilómetros, un en cada Concello.

En ambos os tramos realizarase a aplicación dunha capa de 3 centímetros de mestura bituminosa descontinua, previa reparación dos baches mediante grava e tratamento asfáltico semiprofundo.

As actuacións completaranse coa limpeza de gabias e salvagabias para garantir unha correcta drenaxe lonxitudinal e transversal da vía, así como coa renovación da sinalización horizontal mediante o pintado das liñas de bordo.

A delegada puxo en valor a colaboración entre ambas as administracións locais para dar resposta a necesidades comúns e impulsar actuacións que repercuten directamente no benestar da cidadanía.

Neste sentido, subliñou que a mellora das estradas municipais resulta fundamental para facilitar os desprazamentos cotiáns, favorecer a conexión entre parroquias e concellos limítrofes e incrementar a seguridade viaria, especialmente en contornas rurais.

Orde 2026

Belén do Campo lembrou que esta orde vai dirixida á creación e mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais e está dotada cun orzamento de 3,5 millóns de euros.

A través desta convocatoria subvenciónanse as obras nas redes de alumeado público; a pavimentación de camiños públicos municipais; e as obras en prazas, parques, paseos e rúas. A estas engádense a creación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinadas á prestación de servizos municipais, así como a mellora da súa accesibilidade ou a dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.

As axudas van dirixidas aos concellos de menos de 30.000 habitantes, que poden solicitalas de xeito individual ou mediante asociacións ou agrupacións. Cada concello pode presentar un máximo de dúas solicitudes,  sempre que unha delas sexa individual e outra conxunta e para actuacións diferentes. Ademais, cada petición debe corresponderse cun único proxecto, que pode abranguer varias accións.

A colaboración do Goberno galego financiará ata o 80% do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, co límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais e de 50.000 euros para as conxuntas ou as presentadas por concellos resultantes dun proceso de fusión municipal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/10/2026